Salmos 35 - Biblia SEPT(34) O oprimido espera xustiza 1 De David. 1 De David. Ataca, Señor, ós que me atacan, combate ós que me combaten. 2 Colle escudo e broquel, érguete para axudarme; 3 brande a lanza, failles fronte ós meus perseguidores, dime: —"Eu son a túa salvación". 4 Avergóncense e confúndanse os que buscan a miña vida; volvan avergonzados os que buscan o meu dano. 5 Sexan como coaño ante o vento, e que os axote o anxo do Señor. 6 Sexa o seu camiño tebroso e esvaradío, e que os persiga o anxo do Señor. 7 Sen razón téndenme redes, sen razón cávanme foxos. 8 Que lles veña a ruína de improviso, que os collan as redes que tenderon e que caian nos foxos que cavaron. 9 Eu alegrareime no Señor, gozareime co seu socorro. 10 Dirá todo o meu ser: —"Señor, quen hai coma ti, que defendes os humildes dos poderosos, os pobres e indixentes dos que os desposúen?" 11 Preséntanse testemuñas violentas e interróganme sobre cousas que non sei. 12 Páganme mal por ben, desposúenme de todo. 13 Pero eu, cando estaban eles enfermos, vestíame de saco, aflixíame co xaxún e inclinábame na súplica. 14 Como por amigos e irmáns andaba de aquí para alí, como en dó pola nai, estaba triste e murcho. 15 Agora, no meu tropezo, alégranse eles e xúntanse: xúntanse contra min, baten de súpeto, tronzan nun sen parar; 16 profanan e fan burla, renxen os dentes contra min. 17 Canto tempo, Señor, o estarás vendo? Sálvame a vida dos seus ruxidos, o meu ben único, dos leóns. 18 Eu dareiche grazas na asemblea, loareite ante a multitude. 19 Que non se rían de min os que sen razón me queren mal, non chisquen o ollo os que sen razón me odian. 20 Endexamais non saúdan coa paz, contra a xente tranquila arman as trampas. 21 Abren a boca contra min, para dicir: —"Vaites, vaites! Vímolo cos nosos ollos". 22 Ti, Señor, que ves, non cales, non esteas lonxe de min. 23 Esperta, apúrate, por mor do meu dereito, meu Deus e meu Señor, por mor da miña causa. 24 Xúlgame ti, Señor, meu Deus, conforme a túa rectitude, que non se rían de min; 25 que non poidan pensar: —"Moi ben, iso é o que queriamos", que non poidan dicir: —"Xa o engulipamos". 26 Avergóncense e confúndanse os que se alegran do meu mal; cúbranse de aldraxe e deshonra os que se reviran contra min. 27 Que canten e se alegren os que queren o meu triunfo, e que poidan dicir: —"Sexa exaltado o Señor, que quere a paz do seu servo". 28 A miña lingua proclamará a túa xustiza e a túa loanza o día enteiro. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)