Salmos 34 - Biblia SEPT(33) Prosperidade para os pobres 1 De David. Cando se finxiu louco diante de Abimélec e marchou despedido. 2 Eu bendigo ó Señor en todo instante, teño sempre na boca a súa loanza; 3 gloríome no Señor, e os humildes alégranse, ó escoitalo. 4 Exaltade comigo ó Señor, loemos xuntos o seu nome. 5 Eu busco ó Señor, e El responde, líbrame de todos os temores. 6 Ollade para El e refulxide, non poñades caras murchas. 7 O Señor escoita ó pobre que o chama e líbrao de todos os apuros. 8 O anxo do Señor acampa en torno ós seus fieis e dálles seguridade. 9 Gustade e vede que bo é o Señor: feliz quen a El se acolle. 10 Temede ó Señor os seus devotos, pois nada lles falta ós que o temen. 11 Empobrecen os ricos, pasan fame, pero ós que buscan ó Señor ningún ben lles faltará. 12 Vinde, fillos; escoitade: ensinareivos o temor do Señor. 13 Quen ama a vida e arela días de prosperidade? 14 Garda a túa lingua do mal, os teus labios de falas enganosas. 15 Arrédate do mal e fai o ben, busca a paz, corre tras ela. 16 Os ollos do Señor están cara ós xustos, os seus oídos cara ó seu clamor; 17 mais o Señor mira con enfado ós malvados, para borrar da terra a súa memoria. 18 Claman aqueles, e o Señor escoita, líbraos de todas as angustias. 19 O Señor está preto do aflixido, salva ó asoballado. 20 Moitos son os males dos xustos, pero de todos os libra o Señor. 21 El coida dos seus ósos, nin un só romperán. 22 A maldade mata ó impío; quen aborrece os xustos será castigado. 23 O Señor redime os seus servos: non será castigado quen a El se acolle. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)