Salmos 33 - Biblia SEPT(32) Canto á palabra creadora 1 Alegrádevos, xustos, no Señor: ós rectos acáelles a loanza. 2 Festexade ó Señor con cítolas, tocade con arpa de dez cordas. 3 Cantádelle unha nova cántiga, tanxédelle ben, con aturuxos. 4 A palabra do Señor é recta e todas as súas obras son leais: 5 El quere o dereito e a xustiza, a súa misericordia enche a terra. 6 Pola palabra do Señor foron feitos os ceos, polo alento da súa boca todos os astros. 7 Xuntou, coma nun fol, a auga do mar, meteu en depósitos o océano. 8 Adore ó Señor a terra enteira, estremézase diante del a poboación do orbe, 9 pois falou El, e existiron, mandouno El, e xurdiron. 10 O Señor estraga o consello das nacións, desbarata os designios dos pobos. 11 O consello do Señor dura por sempre, os seus plans de xeración en xeración. 12 Feliz a nación que ten a Deus por Señor, o pobo que El elixiu como herdade. 13 Desde o ceo mira o Señor, olla para todos os homes; 14 desde a súa morada observa a todos os habitantes da terra. 15 El modelou o corazón de todos eles e esculca as súas obras. 16 Non os moitos soldados lle dan a vitoria ó rei nin é a moita forza a que salva ó guerreiro; 17 engano é a cabalería para a vitoria, un grande exército non é a salvación. 18 Os ollos do Señor miran polos seus fieis, polos que esperan na súa misericordia, 19 para librar a súa vida da morte, para os manter no tempo da miseria. 20 Nós agardamos o Señor: El é o noso socorro, o noso escudo. 21 Nel alégrase ó noso corazón e confiamos no seu nome. 22 Veña a nós, Señor, a túa misericordia, como de ti o esperamos. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)