Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Salmos 31 - Biblia SEPT


(30) Nas túas mans está o meu porvir

1 Do mestre do coro. Salmo de David.

2 A ti, Señor, eu acóllome: que endexamais non me vexa defraudado.

3 Pon o oído cara a min, dáte présa en socorrerme. Se a rocha do meu refuxio, o castelo forte onde me salve.

4 Xa que ti es a miña rocha e o meu castelo, por mor do teu nome, diríxeme e guíame.

5 Tírame da rede que me tenden, pois ti es o meu refuxio.

6 Nas túas mans encomendo a miña vida, e ti librarasme, Señor, Deus fiel.

7 Aborrezo a quen adora ídolos vans; en canto a min, eu confío no Señor.

8 Teño gozo e ledicia na túa misericordia, pois ti ollas a miña aflición, e coñeces as miñas angustias.

9 Non me entregas nas man do inimigo, ti pos en campo aberto os meus pés.

10 Ten compaixón, Señor, pois estou aflixido, gástanse de tristura os meus ollos, a alma e mais as entrañas.

11 A miña vida consómese na dor, os meus ósos en xemidos; a miña forza treme coa aflición, e consómense os meus ósos.

12 Son o riso dos inimigos, a burla dos meus veciños. Para os meus coñecidos son espanto: foxen ó verme na rúa.

13 Esquécense de min, coma dun morto; eu son coma un cacharro que non serve.

14 Oio o murmurar da xente —terror por todos os lados—, cando se xuramentan contra min e traman quitarme a vida.

15 Mais eu teño confianza en ti, Señor, e digo: —"Ti es o meu Deus.

16 Nas túas mans está o meu porvir: líbrame do poder dos inimigos e dos meus perseguidores.

17 Fai brillar o teu rostro para o teu servo, sálvame, pola túa misericordia.

18 Señor, que non me avergonce de invocarte; que se avergoncen os malvados e baixen, mudos, ó abismo.

19 Enmudezan os labios mentireiros, que falan en contra dos xustos con insolencia, soberbia e desprezo.

20 Que grande é o ben que reservas para aqueles que te temen, o que lles fas ós que a ti se acollen, á vista de todas as xentes!

21 Na túa presenza faslles un refuxio, un agarimo contra a conxura humana. Escóndelos na túa tenda das linguas maliciosas.

22 Bendito sexa o Señor, que me mostra un amor admirable nunha vila amurallada".

23 Moi apurado eu dicía: —"Botáchesme de diante dos teus ollos". Pero a verdade é que me escoitas, cando clamo cara a ti.

24 Amade o Señor, todos os xustos: o Señor garda os leais e dálles o seu pago ós soberbios.

25 Sede fortes e valentes os que esperades no Señor.

Lean sinn:



Sanasan