Salmos 30 - Biblia SEPT(29) Grazas pola vida 1 Salmo, canto da dedicación do templo do Señor. De David. 2 Eu lóote, Señor, que me liberas e non deixas que o inimigo faga riso de min. 3 Señor, meu Deus, eu suplico, e ti sándasme; 4 sácasme do abismo e mantesme na vida, lonxe dos que baixan ó sepulcro. 5 Cantádelle ó Señor os seus amados, loade o seu santo nome. 6 O seu asaño dura só un intre; o seu favor, toda a vida. Se hai pranto á tardiña, ó abrente xa hai ledicia. 7 Eu digo ben seguro: —"Nunca perecerei". 8 O teu favor, Señor, sostén a miña forza; pero se ocultas o rostro, quedo conturbado. 9 Por ti chamo, Señor, ó meu dono suplico. 10 Que gañas ti coa miña morte e con que eu baixe ó sepulcro? Ou é que pode loarte o po e proclamar a túa fidelidade? 11 Escoita, Señor; ten compaixón de min, se ti, Señor, a miña axuda. 12 Ti podes trocar o loito en danza, espirme do saco e vestirme de festa, 13 para que o meu peito che cante, sen calar. Señor, meu Deus, por sempre te hei loar. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)