Salmos 28 - Biblia SEPT(27) Súplica e acción de grazas 1 De David. 1 De David. Por ti chamo, Señor; non te fagas o xordo, miña rocha, pois se calas ti no meu caso, serei coma os que baixan á cova. 2 Escoita o meu lamento, cando berro cara a ti e levanto as miñas mans cara ó teu templo. 3 Non me arrebates cos impíos e malfeitores, que saúdan coa paz ós veciños, mentres pensan mal nos adentros. 4 Págalles conforme os feitos e conforme a maldade das súas accións; dálles segundo a obra das súas mans, devólvelles o seu merecido. 5 Non contan coa acción do Señor, nin coas obras da súa man: que el os destrúa e non os restaure. 6 Bendito sexa o Señor, que escoita a miña súplica. 7 O Señor é a miña forza e o meu escudo; eu confío nel e axúdame. Alégraseme o corazón e doulle as grazas co meu canto. 8 O Señor é a forza do seu pobo, fortaleza de salvación do seu unxido. 9 Salva ó teu pobo, bendice a túa herdade, apacéntaos e lévaos por sempre. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)