Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Salmos 27 - Biblia SEPT


(26) Na terra da vida
1 De David.

1 De David. O Señor é a miña luz e salvación, a quen hei de temer? O Señor é o meu castelo, ante quen hei de tremer?

2 Cando os malfeitores me atacan para devorar a miña vida, son eles, os meus inimigos e opresores, os que esvaran e caen.

3 Mesmo se un exército acampase contra min, o meu corazón nin temería; aínda que rompese o combate contra min, tamén entón confiaría.

4 Unha cousa pídolle ó Señor, unha cousa procuro: habitar na casa do Señor, todos os días da vida, para gozar da dozura do Señor, visitando o seu templo.

5 Na hora mala escóndeme na súa tenda, acólleme na súa morada, érgueme enriba dunha rocha.

6 Por iso levanto a cabeza dominando os inimigos que me rodean. Ofrecerei na súa morada sacrificios xubilosos, cantarei e entoarei salmos ó Señor.

7 Escoita, Señor, a voz que chama, ten piedade e respóndeme.

8 Por ti dime o corazón: —"Buscade a miña presenza". A túa presenza eu busco, Señor.

9 Non te escondas de min, non me desbotes con ira. Ti es a miña axuda; non me deixes, non me abandones, Deus, meu salvador.

10 Se meu pai e miña nai me abandonan, acollerame o Señor.

11 Ensíname, Señor, o teu camiño, guíame pola senda recta, por causa dos meus perseguidores.

12 Non me entregues ó capricho do opresor, pois érguense contra min falsas testemuñas, que respiran violencia.

13 Eu espero gozar dos bens do Señor na terra da vida.

14 Espera no Señor; ten corazón forte e valente e espera no Señor.

Lean sinn:



Sanasan