Salmos 25 - Biblia SEPT(24) Móstrame os teus camiños 1 De David. 1 De David. Cara a ti ergo, Señor, a miña alma, 2 en ti, meu Deus, confío. Que non se rían de min os inimigos. 3 Ninguén que en ti espere quedará defraudado, mentres se avergonzarán os traidores sen razón. 4 Móstrame, Señor, os teus camiños, ensíname os teus sendeiros, 5 diríxeme na túa verdade, apréndeme, pois ti es, Deus, o meu salvador e estoute a esperar todo o día. 6 Lémbrate, Señor, da túa compaixón e do teu amor, pois existen desde sempre. 7 Dos erros e das culpas da miña mocidade non te lembres: acórdate de min segundo o teu amor, Señor, pola túa bondade. 8 O Señor é bo e recto: por iso ensínalles o camiño ós extraviados, 9 dirixe ós xustos no xuízo e móstralles ós humildes o vieiro. 10 Os camiños do Señor son todos amor e lealdade, para os que gardan a súa alianza e as súas instrucións. 11 Polo teu nome, Señor, perdoa as miñas culpas, que son grandes. 12 Quen é o que teme ó Señor? El ensínalle o camiño que ha elixir: 13 pasará a vida con ben, herdarán a terra os seus fillos. 14 O segredo do Señor é para os que o temen, e instrúeos coa súa alianza. 15 Teño sempre postos os ollos no Señor, pois El tira da rede os meus pés. 16 Vóltate cara a min e tenme compaixón, pois estou só e aflixido. 17 No meu corazón medra a pesadume; líbrame ti das angustias. 18 Olla a miña aflición e os meus traballos, e perdoa os meus erros. 19 Olla os meus inimigos, cantos son, e o odio violento que me teñen. 20 Gárdame a vida, sálvame; non me vexa defraudado por acollerme a ti. 21 A inocencia e a rectitude hanme protexer: a miña esperanza está en ti. 22 Redime, Deus, a Israel de todas as súas angustias. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)