Salmos 22 - Biblia SEPT(21) O xusto que sofre 1 Do mestre do coro, segundo "A cerva do abrente". Salmo de David. 2 Meu Deus, meu Deus, por que me abandonas, lonxe do meu socorro e das palabras do meu xemido? 3 Meu Deus, clamo de día, e non respondes; de noite, e non atopo sosego. 4 Mais ti es o santo para ti é a loanza de Israel. 5 En ti confiaron nosos pais, confiaron, e ti liberáchelos; 6 clamaron cara a ti, e foron salvos, confiaron en ti e non lles fallaches. 7 Pero eu son un verme máis ca un home, vergonza da xente e desprezo do pobo. 8 Todos os que me ven fan burla de min, torcendo os labios, movendo a cabeza: 9 —"Acode ó Señor, que El o libre, que El o salve, se é que o ama". 10 Ti es quen me sacou do seo materno, quen me achegou ós peitos de miña nai; 11 A ti estou encomendado desde o nacemento, desde o ventre materno ti es o meu Deus. 12 Non te apartes de min, pois o perigo está preto, e non hai quen acorra. 13 Rodéame un fato de xovencos, cércanme touros de Baxán; 14 Abren a boca cara a min leóns que devoran e brúan. 15 Son coma auga que se verte, teño todos os ósos esnogados; o meu corazón, coma cera, derrétese nas miñas entrañas. 16 A miña gorxa está reseca, coma tella, a lingua apegada ó padal: botáchesme no po da morte. 17 Rodéanme cans, cércame un fato de malvados, atan as miñas mans e os meus pés. 18 Eu podo contar os meus ósos eles observan, non me quitan ollo. 19 Reparten os meus vestidos e botan ás sortes o meu manto. 20 Pero ti, Señor, non esteas lonxe; meu socorro, ven axiña axudarme. 21 Salva a miña vida da espada; o meu único ben, da gadoupa do can; 22 líbrame da boca do león, deféndeme dos cornos do touro. 23 Eu falareilles de ti ós meus irmáns, loareite no medio da asemblea. 24 Servidores do Señor, loádeo, liñaxe de Xacob, glorificádeo, liñaxe de Israel, temédeo. 25 Pois El non despreza nin desdeña a aflición dos humildes; non lles esconde o seu rostro, e, cando piden axuda, El escoita. 26 De ti vén a miña loanza na asemblea; cumprirei os meus votos, ante os que te temen. 27 Os pobres comerán ata fartarse, loarán ó Señor os que o buscan e gozarán de vida duradeira. 28 Acordarán e volverán ó Señor todos os confíns da terra; axeonllaranse na súa presenza as familias todas dos pobos. 29 Abofé, o reino é do Señor, e El goberna as nacións. 30 A El só adorarán os satisfeitos da terra, ante El axeonllaranse os que baixan ó po coa súa alma sen vida. 31 A súa posteridade hao servir e proclamará ó Señor polas xeracións. 32 Cando veñan, cantarán a súa xustiza e as súas obras para os que nazan. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)