Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Salmos 19 - Biblia SEPT


(18) Os ceos pregoan

1 Do mestre do coro. Salmo de David.

2 Os ceos proclaman a gloria de Deus, o firmamento pregoa as obras das súas mans.

3 Un día pásalle ó outro a mensaxe, unha noite transmítelle á outra a noticia.

4 Sen que falen nin conten, sen que se sinta a súa voz,

5 por toda a terra vai o seu anuncio, ata os confíns do mundo a súa palabra. O sol púxolle alá no ceo unha tenda:

6 coma un desposado, sae da súa alcoba e, ledo coma un heroe, percorre o seu camiño.

7 Ten nun extremo do ceo a saída e, no seu xiro, chega ó outro extremo: nada se subtrae á súa calor.

8 A lei do Señor é perfecta: reconforta a alma; a declaración do Señor é firme: fai sabio ó inxenuo;

9 os mandatos do Señor son rectos: aledan o corazón; o precepto do Señor é limpo: ilumina os ollos;

10 o temor do Señor é puro: permanece por sempre; as decisións do Señor son verdadeiras: enteiramente xustas.

11 Son máis cobizables có ouro máis có metal precioso; son máis doces có mel, máis có zume da antera.

12 Aínda que o teu servo os quere cumprir e pon coidado en gardalos,

13 quen se decata dos erros? Límpame ti de canto se me esquece,

14 preserva ó teu servo da soberbia, para que non me domine. Entón serei perfecto, limpo de pecados graves.

15 Dígnate aceptar a palabra da miña boca, e o sentir do meu corazón, Señor, a miña rocha e o meu redentor.

Lean sinn:



Sanasan