Salmos 18 - Biblia SEPT(17) Canto de vitoria 1 Do mestre do coro. De David, servo do Señor, que recitou esta cántiga diante do Señor, por telo librado do poder de todos os seus inimigos e da man de Xaúl. Dixo: 2 Eu ámote, Señor, a miña forza, 3 Señor, a miña rocha, o meu castro, o meu refuxio, meu Deus, penedo onde me acollo, o meu escudo, o meu alcázar, o meu castelo. 4 Eu invoco ó Señor, o adorable, e salvarame dos meus inimigos. 5 As ondas da morte rodéanme, as correntes do averno atropélanme; 6 cínguenme as cordas do abismo, sorpréndenme as trampas da morte. 7 No apuro chamo ó Señor, suplico cara ó meu Deus. El escoita a miña voz desde o santuario, o meu clamor chega ós seus oídos. 8 A terra estarrécese e treme, os fundamentos dos montes estremecen, abalan por causa da súa ira. 9 Do seu nariz sobe fume, da súa boca lume devorante, de todo el ascuas acesas. 10 Abaixa o ceo e descende con mesta néboa debaixo dos seus pés. 11 Voa a cabalo dun querubín, subindo nas ás do vento. 12 Das tebras fai o seu cerco; das augas escuras e das mestas nubes, a tenda que o rodea. 13 Co relampo da súa presenza as nubes desfanse en sarabia e lóstregos. 14 O Señor atrona desde o ceo, o Altísimo fai resoar a súa voz. 15 Lanza as súas setas e dispérsaos, os seus lóstregos enlouquécenos. 16 Os fondos do mar déixanse ver, os fundamentos do orbe quedan espidos, polas túas ameazas, Señor, polo soprido da túa ira. 17 Desde o ceo tende El a man e cólleme, tírame das augas caudais. 18 Líbrame do inimigo poderoso, de rivais máis fortes ca min. 19 No día funesto fanme fronte, pero o Señor é o meu arrimo: 20 sácame a campo aberto, sálvame, porque me ama. 21 O Señor premia a miña rectitude, retribúe a miña pureza de conduta. 22 Eu gardo os camiños do Señor e non son rebelde ó meu Deus; 23 teño á vista os seus preceptos, non eludo os seus mandatos, 24 son sincero diante del e gárdome do pecado. 25 O Señor retribúe a miña rectitude e a miña pureza de obrar na súa presenza. 26 Co piadoso móstraste piadoso e co sincero es sincero; 27 co puro móstraste puro e co renarte es retorto. 28 Ti salvas os humildes e abates os soberbios. 29 Ti fas lucir a miña candea, o Señor, meu Deus, aluma as miñas tebras. 30 Contigo podo encararme cunha tropa; co meu Deus, saltar murallas. 31 Os camiños de Deus son perfectos, a palabra do Señor ben probada: é o escudo para cantos a El se acollen. 32 Quen é Deus, fóra do Señor? Quen unha rocha, fóra de noso Deus, 33 o Deus que me cingue de forza e fai perfecto o meu camiño? 34 El dáme pés coma os dos cervos e ponme nas alturas; 35 Adestra as miñas mans para a loita e os meus brazos para tensar o arco de bronce. 36 Ti déixasme o teu escudo salvador, a túa dereita sostenme, a túa bondade engrandéceme. 37 Fasme dar pasos longos, e non tremen os meus pés. 38 Perseguirei o inimigo ata o pillar, non volverei sen acabar con el; 39 esmagareino xa e non se poderá erguer, caerá debaixo dos meus pés. 40 Ti cínguesme de forza para a loita, sometes a cantos se me enfrontan. 41 Fas que os meus inimigos volvan as costas, para que eu poida destruír os que me odian. 42 Piden socorro, pero ninguén os axuda, xemen cara ó Señor, mais El non lles responde. 43 Espallareinos, coma po diante do vento, varrereinos, coma lama das rúas. 44 Ti líbrasme do pobo en motín, posme á cabeza das xentes: pobos non coñecidos réndenme homenaxe. 45 Nada máis oír, xa me obedecen, adúlanme os estranxeiros; 46 os estranxeiros embarúllanse e saen tremendo dos seus refuxios. 47 Viva o Señor, bendita a miña rocha; sexa exaltado Deus, o meu salvador, 48 o Deus que me dá satisfacción e somete pobos ó meu xugo. 49 Ti líbrasme dos inimigos, érguesme sobre os adversarios, sálvasme dos violentos. 50 Por iso hei de loarte, Señor, diante dos pobos: cantarei o teu nome, 51 o que lle dá ó rei grandes vitorias e mostra misericordia ó seu unxido, a David e á súa liñaxe, para sempre. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)