Salmos 145 - Biblia SEPT(144) A fartura de todos os viventes 1 Himno de loanza, de David. 1 Himno de loanza, de David. Meu Deus e meu rei, quero enxalzarte e bendicir por sempre o teu nome. 2 Bendicireite o día enteiro, loarei por sempre o teu nome. 3 Grande é o Señor e digno de loanza, a súa grandeza é insondable. 4 Unha xeración gáballe a outra os teus feitos e cóntalle as túas fazañas. 5 Falan da gloria da túa maxestade, e eu refiro as túas marabillas. 6 Pregoan os teus poderosos escarmentos, e eu anuncio a túa grandeza. 7 Transmiten a memoria da túa gran bondade e cantan a túa xustiza. 8 O Señor é clemente e compasivo, tardo á ira e rico en amor. 9 O Señor é bo para todos, agarimoso con todas as súas obras. 10 Lóuvente, Señor, as túas obras, bendígante os teus amigos. 11 Pregoen a gloria do teu reino, proclamen as túas fazañas. 12 Ensinen ós homes a túa forza e a maxestade gloriosa do teu reino. 13 O teu reino é reino eterno, o teu goberno dura por xeracións. 14 O Señor sostén a todos os que caen e endereita os que se dobran. 15 Todos os ollos cara a ti agardan que ti lles deas o sustento ó seu tempo. 16 Abres ti a túa man e dáslle fartura a todo ser vivo. 17 O Señor é xusto nos seus camiños todos, bo en todos os seus feitos. 18 O Señor está cerca dos que o chaman, dos que sinceramente o invocan. 19 El cumpre a vontade dos que o temen, escoita o seu pranto e socórreos. 20 O Señor garda ós que o aman, pero desbota os malvados. 21 A miña boca pregoará as loanzas do Señor e todos os seres vivos bendicirán o seu nome santo polos séculos dos séculos. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)