Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Salmos 139 - Biblia SEPT


(138) Omnipresencia
1 Do mestre do coro. Salmo de David.

1 Do mestre do coro. Salmo de David. Señor, ti escúlcasme a fondo e coñécesme ben,

2 ti sabes cando sento e me levanto, penetras nos meus pensamentos desde lonxe.

3 Ti distingues cando me movo e cando estou quedo e os meus camiños sonche todos familiares.

4 Aínda non está na miña lingua a palabra e xa ti, Señor, a coñeces enteira.

5 Envólvesme por detrás e por diante, e sobre min tes posta a túa man.

6 Admirable por demais me resulta este saber, tan alto que non o alcanzo.

7 Onde me podería arredar do teu alento? A onde fuxir da túa ira?

8 Se subo ó ceo, alí estás; se baixo ó abismo, estás presente.

9 Se me ergo nas ás da aurora e emigro ó extremo dos mares,

10 Ata alí me leva a túa man e me colle a túa dereita.

11 Se digo: —"Que polo menos me encubran as tebras e a luz ó meu arredor se faga noite",

12 As mesmas tebras non son para ti escuras e a noite éche clara coma o día: tanto che ten a luz coma as tebras.

13 Ti formaches as miñas entrañas, tecíchesme no seo da miña nai.

14 Lóuvote polo prodixio que hai en min: as túas obras son marabillosas. Ti coñeces a fondo o meu espírito;

15 non che estaba oculta a miña esencia, cando no segredo era formado, tecido no fondo da terra.

16 O meu embrión víano os teus ollos, e escribíanse xa no teu libro os días todos que habían vir, sen que existise aínda o primeiro.

17 Que preciosos atopo, Deus, os teus proxectos! Que grande o seu conxunto!

18 Se os quixese contar, son máis cá area, se chegase ata a fin, quedarías ti aínda.

19 Se bateses, Deus, nos malvados, se arredasen de min os sanguinarios!

20 Arrepóñense contra ti arteiramente e nomean en van os teus proxectos.

21 Non hei de odiar os que te odian, aborrecer os que se erguen contra ti?

22 Odioos con odio cumprido e téñoos por inimigos meus.

23 Examíname a fondo, Deus; coñece o meu corazón; próbame, e coñece os meus sentimentos.

24 Olla se é torto o meu camiño, guíame ti polo camiño eterno.

Lean sinn:



Sanasan