Salmos 118 - Biblia SEPT(117) Cantares na casa dos xustos 1 Loade o Señor porque é bo, porque o seu amor é eterno. 2 Que o diga a casa de Israel: o seu amor é eterno; 3 que o diga a casa de Aharón: o seu amor é eterno; 4 que o digan os que temen ó Señor: o seu amor é eterno. 5 No apuro invoco o Señor e El escóitame e líbrame. 6 O Señor está comigo: non teño cousa que temer; que me poden facer os homes? 7 O Señor está comigo: El é quen me axuda: verei os meus inimigos en desfeita. 8 Mellor é acollerse ó Señor que fiarse dos homes. 9 Mellor é acollerse ó Señor que fiarse dos grandes. 10 Rodéame un fato de pobos: no nome do Señor esmagareinos; 11 póñenme cerco e apúranme: no nome do Señor esmagareinos; 12 envólvenme coma abellas, quéimanme coma o lume os espiños: no nome do Señor esmagareinos. 13 Empurran, empurran para tirarme, pero o Señor é o meu auxilio. 14 O Señor é a miña forza, o meu cantar, El é a miña salvación. 15 Oense cantares de gozo e de vitoria nas moradas dos xustos: a dereita do Señor é valente, 16 A dereita do Señor é poderosa, a dereita do Señor é valente. 17 Non hei morrer, vivirei e cantarei os feitos do Señor. 18 O Señor, certo, castígame, mais non me entrega á morte. 19 Abrídeme as portas da vitoria: quero cantar e dar grazas ó Señor. 20 Esta é a porta do Señor: os xustos entran por ela. 21 Douche as grazas porque me escoitas: ti es a miña salvación. 22 A pedra que desbotaron os canteiros convértese en pedra angular. 23 Isto é cousa do Señor, admirable feito á nosa vista. 24 Este é o día en que obra o Señor: relouquemos e alegrémonos nel. 25 Ai, Señor, dános a salvación! Ai, Señor, dános prosperidade! 26 Benditos os que veñen no nome do Señor: bendicímosvos desde a casa do Señor. 27 O Señor é Deus: El dános a luz. Ordenade festa con ramos ata á beira do altar. 28 Meu Deus, douche as grazas, meu Deus, quero enxalzarte. 29 Loade o Señor porque é bo, porque o seu amor é eterno. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)