Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Salmos 109 - Biblia SEPT


(108) Imprecacións
1 Do mestre do coro. Salmo de David.

1 Do mestre do coro. Salmo de David. Deus a quen loo, non cales,

2 pois ábrense contra min bocas malvadas e dolosas. Falan de min con lingua mentireira,

3 cércanme con palabras de odio, combátenme sen razón.

4 En pago do meu amor eles acúsanme, mentres eu estou rezando.

5 Vólvenme mal por ben, xenreira por amor.

6 Apurra contra el a un malvado, que teña á súa dereita un acusador.

7 Que no xuízo saia condenado e a súa apelación se converta en culpa.

8 Que os seus días se acurten e que outro colla o seu posto.

9 Que queden orfos seus fillos e viúva súa muller.

10 Que seus fillos vaian errantes e pedindo, e que os boten das súas ruínas.

11 Que os acredores collan os seus bens e xente allea rapine o froito do seu traballo.

12 Que ninguén teña dó del, ninguén se apiade dos seus orfos.

13 Que a súa posteridade sexa arrincada e que se borre o seu nome nunha xeración.

14 Que o Señor teña en conta as culpas do pai e que non borre os pecados da nai.

15 Que o Señor os teña diante e que tache da terra a súa memoria.

16 Xa que nunca pensou en facer ben, perseguiu ó pobre e ó humilde, e empurrou á morte o angustiado.

17 Xa que prefire a maldición, que veña sobre el, xa que non quere bendición, que se lle aparte.

18 Véstese de maldición coma dun traxe: que coma a auga lle entre nas entrañas, coma o aceite nos ósos;

19 que sexa o manto que o cobre, e o cinguideiro que o cingue!

20 Dea o Señor este pago ós que me acusan, ós que pronuncian calumnias contra min.

21 Pero ti, Señor, o meu dono, actúa, polo teu nome, en favor meu, líbrame, conforme ó teu amor.

22 Eu son humilde e pobre, e co corazón ferido.

23 Voume coma a sombra que devala, espantado, como a lagosta.

24 Os meus xeonllos cambalean co xaxún, o meu corpo anda esmorecido.

25 Fan burla de min, ó verme, abanean a cabeza.

26 Señor, meu Deus, axúdame, sálvame, conforme ó teu amor.

27 Saberase que a túa man está aquí e que es ti, Señor, quen o fai.

28 Que maldigan, con tal que ti bendigas: ergueranse eles para vergonza, mentres se alegra o teu servo.

29 Vestiranse de vergonza os meus acusadores, cubriranse de confusión coma dun manto.

30 Eu dareille as grazas ó Señor, loareino ante a multitude.

31 El ponse á dereita dos pobres para os librar dos seus xuíces.

Lean sinn:



Sanasan