Salmos 108 - Biblia SEPT(107) O meu corazón está disposto 1 Cántiga, salmo de David. 2 O meu corazón está disposto, meu Deus: quero cantarche e loarte. Espertade, miñas entrañas, 3 espertade, cítola e arpa: eu quero cantar coa aurora. 4 Loareite, Señor, diante dos pobos, cantareiche diante das nacións. 5 O teu amor é máis alto có ceo, a túa fidelidade chega ata as nubes. 6 Érguete, Deus, sobre o ceo, enche a terra da túa gloria. 7 Para que os teus amigos sexan liberados, socórrenos coa salvación da túa dereita. 8 O Deus santo tiña dito: —"Cantarei triunfo, partirei Xequem, parcelarei o val de Succot, 9 Meu é Galaad, meu Menaxés, helmo da miña cabeza é Efraím, e Xudá o meu cetro. 10 Moab é o estanque en que me baño, sobre Edom poño a sandalia e canto vitoria sobre Filistea". 11 Quen me levará a unha praza forte? Quen me guiará ata Edom? 12 Quen, se non ti, Deus, que nos tes rexeitados e xa non saes, Deus, co noso exército? 13 Axúdanos ti no apuro, pois inútil é a axuda dos homes. 14 Con Deus faremos fazañas, El esmagará os nosos opresores. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)