Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Salmos 107 - Biblia SEPT


(106) Os redimidos do Señor

1 Loade o Señor, que é bo e o seu amor é eterno.

2 Dígano os redimidos do Señor, os que El redimiu da man dos opresores

3 e reuniu de todos os países, do nacente e do poñente, do norte e do sur.

4 Errando polo deserto solitario, non atopaban camiño de cidade habitable.

5 Famentos e sedentos, encollíaselles o espírito.

6 No apuro clamaron ó Señor e El librounos da aflición.

7 Levounos por camiño dereito cara a unha cidade habitable.

8 Dean grazas ó Señor pola súa misericordia, polos seus prodixios cos humanos.

9 El sacia ós sedentos e farta de bens ós famentos.

10 Xacían na escuridade e nas tebras, presos de coitas e ferro,

11 por se teren rebelado contra a palabra de Deus e desprezado o consello do Altísimo.

12 Aflixiunos El con traballos, e eles cambaleaban, sen ninguén que lles valese.

13 No apuro clamaron ó Señor e El librounos da aflición.

14 Sacounos da escuridade e das tebras e rompeu as súas cadeas.

15 Dean grazas ó Señor pola súa misericordia, polos seus prodixios cos humanos.

16 El rompeu as portas de bronce e esnaquizou os ferrollos.

17 Doentes polos seus erros, aflixidos polas súas culpas,

18 dáballes noxo a comida e andaban ás portas da morte.

19 No apuro clamaron ó Señor e El librounos da aflición.

20 Mandou a súa palabra e sandounos, rescatounos da perdición.

21 Dean grazas ó Señor pola súa misericordia, polos seus prodixios cos humanos.

22 Ofrézanlle sacrificio de loanza e pregoen con xúbilo os seus feitos.

23 Os que baixan nos barcos ó mar, para facer o seu traballo nas augas abismais,

24 poden ver os feitos do Señor, os seus prodixios no océano.

25 Cun aceno del érguese o vento de temporal e levántanse fortes as ondas:

26 érguense cara ó ceo e caen no abismo. Co estómago revolto, mareados,

27 dan voltas coma borrachos: toda a súa pericia queda en nada.

28 No apuro clamaron ó Señor e El librounos da aflición.

29 El troca a tempestade en brisa lene, e quedan caladas as ondas.

30 Alégranse eles coa calma, e El lévaos ó porto arelado.

31 Dean grazas ó Señor pola súa misericordia, polos seus prodixios cos humanos.

32 Celébreno na asemblea do pobo, lóeno na xunta dos anciáns.

33 El converte os ríos en deserto, o manancial en terra reseca;

34 A terra vizosa en salinas, pola maldade dos moradores.

35 El cambia o deserto en lagoa e a terra seca en manancial.

36 Asenta alí os famentos, e fundan cidade para habitar.

37 Sementan agros, plantan viñas e recollen os froitos.

38 Dálles as bendicións, e van a máis e as súas facendas non minguan.

39 Se minguasen e fosen abatidos, sería polo peso da malicia e das ansias.

40 O que bota desprezos sobre os grandes e os fai errar por unha soidade sen camiños,

41 ergue os pobres da miseria e acrecenta coma rabaños as súas casas.

42 O velo, alégranse os rectos, mentres que a iniquidade pecha a súa boca.

43 O sabio terá en conta isto, entenderá a misericordia do Señor.

Lean sinn:



Sanasan