Salmos 105 - Biblia SEPT(104) Lembrou a promesa 1 Loade o Señor, invocade o seu nome, dade a coñecer as súas fazañas entre os pobos, 2 Cantádelle, tocádelle, contade as súas marabillas. 3 Gloriádevos no seu nome santo e que se alegre o corazón dos que buscan ó Señor. 4 Preguntade polo Señor e o seu poder, buscade sempre a súa presenza. 5 Relembrade as marabillas que fixo, os prodixios e as decisións da súa boca. 6 Liñaxe do seu servo Abraham, fillos de Xacob, os seus elixidos, 7 o Señor é o noso Deus, o que goberna a terra enteira. 8 El recorda por sempre a súa alianza, a palabra que deu polas xeracións. 9 O que pactou con Abraham e xurou a Isaac, 10 confirmouno como lei a Xacob e a Israel como alianza eterna, 11 dicindo: —"Dareiche a terra de Canaán por sorte e por herdade". 12 Sendo eles poucos en número, apoucados, forasteiros, 13 errando de nación en nación, dun país noutro país, 14 non permitiu que ninguén os oprimise e mesmo reis castigou por eles. 15 Non toquedes os meus unxidos, non fagades mal ós meus profetas. 16 Chamou a fame sobre a terra, cortou o abasto do pan. 17 Mandou diante deles un home, foi vendido Xosé coma escravo. 18 Atáronlle os pés con grillóns, botáronlle cadeas de ferro ó pescozo, 19 Ata que chegou a hora de se cumprir o agoiro, e a palabra do Señor lle devolveu o creto. 20 Mandou o rei soltalo, o soberano de pobos abriulle a prisión, 21 e fíxoo dono da súa casa, administrador da súa facenda, 22 para que ó seu xeito instruíse ós seus ministros e lles ensinase o saber ós anciáns. 23 Entón Israel entrou en Exipto, Xacob foi vivir á terra da Cam. 24 Deus fixo fecundo ó seu pobo, máis forte cós seus inimigos. 25 A estes viroulles o corazón, e aborreceron o seu pobo, fixeron aleivosías cos seus servos. 26 Mandou El ó seu servo Moisés e ó seu elixido Aharón, 27 que fixeron sinais á súa vista, prodixios na terra de Cam. 28 Mandou tebras e escureceu, mais eles non se pregaron ás súas ordes. 29 Converteu as augas en sangue e fixo morrer os peixes. 30 Formigou a terra coas ras, ata as alcobas reais. 31 Mandouno, e viñeron moscas, mosquitos en todos os sitios. 32 Deulles chuvia de pedrazo chamas de lume nas súas terras. 33 Abateu viñedos e figueiras, estragou as árbores nos seus eidos. 34 Mandouno, e veu a lagosta, saltóns que non se contaban, 35 rillaron a herba dos campos e comeron os froitos dos agros. 36 Feriu os primoxénitos en todo o país, as primicias do seu vigor. 37 Entón fíxoos saír con prata e ouro, sen unha falta nas súas tribos. 38 Alegráronse os exipcios da súa saída, pois caera sobre eles o terror. 39 Tendeulles por cuberta unha nube, un lume que os alumaba pola noite. 40 Pediron, e viñeron paspallás e deulles con fartura pan do ceo. 41 Fendeu unha pena e saíu auga, que corría polo deserto coma un río. 42 Abofé, lembrouse da promesa que lle fixera ó seu servo Abraham. 43 Sacou o seu pobo con ledicia, con cantos de triunfo os seus elixidos. 44 Deulles as terras dos xentís e herdaron os froitos dos pobos, 45 para que gardasen os seus preceptos e observasen a súa lei. Aleluia! |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)