Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Salmos 104 - Biblia SEPT


(103) O alento creador

1 Alma miña, bendice ó Señor. Señor, meu Deus, ti es moi grande, vestido de gloria e maxestade,

2 envolto en luz coma nun manto. Ti estendes o ceo coma unha tenda,

3 constrúes a túa morada sobre as augas; ti pos as nubes por carro e camiñas nas ás do vento.

4 Dos ventos fas mensaxeiros; das labaradas de lume, os teus ministros.

5 Ti asentaches a terra nos seus alicerces e non abalará endexamais.

6 Cubríchela co manto do océano e as augas subían ó alto dos montes.

7 Ante a túa ameaza, fuxiron; á voz do teu trono, escaparon.

8 Erguéronse os montes e abaixáronse os vales ó lugar que ti lles fixaches.

9 Puxécheslles fronteiras que non traspasarán: non volverán cubrir a terra.

10 Ti encanas as fontes polos ríos, que corren entre montañas.

11 Beben as feras do monte, apagan a sede os onagros.

12 Nas súas ribeiras habitan paxaros, que cantan na ramallada.

13 Desde a túa morada regas as montañas, do froito das túas obras fártase a terra.

14 Ti fas xermolar herba para o gando, e plantas para uso dos homes, para que da terra saquen pan

15 e viño que alegra o corazón do home; para que co aceite fagan brillar o seu rostro e co pan repoñan as forzas.

16 Fártanse as árbores do Señor, os cedros do Líbano que El plantou.

17 Alí fan os paxaros o seu niño, a cegoña pon casa no seu cume.

18 Os picoutos son para as cabras, os penedos para a tobeira dos teixos.

19 Ti fixeches a lúa e as súas fases e o sol que coñece o seu poñente.

20 Mandas as tebras, e anoitece, e osman as feras salvaxes.

21 Os leonciños brúan pola presa, piden a Deus o sustento.

22 Ao saír o sol arrédanse, vanse deitar nos seus tobos.

23 Entón sae o home ó seu traballo, ó seu labor, ata o serán.

24 Cantas son, Señor, as túas obras, todas feitas con saber! A terra está chea das túas criaturas.

25 Alá o mar grande e espazoso, con réptiles que non se contan, con animais pequenos e grandes.

26 Alí navegan as naves e o Leviatán, que fixeches para que rebrinque.

27 Todos agardan de ti que lles botes comida ó seu tempo.

28 Cando a botas, atrápana; abres a man, e fártanse de bens.

29 Escondes o teu rostro, e estremecen; retiras o teu alento, e expiran, volvendo ó seu po.

30 Mandas o teu alento, e son creados e renovas a cara da terra.

31 Gloria ó Señor por sempre, alégrese o Señor coas súas obras.

32 Cando El a enxerga, a terra treme; cando toca os montes, botan fume.

33 Cantarei ó Señor mentres viva, tocarei para o meu Deus mentres exista.

34 Que El acolla o meu cantar e alegrareime eu no Señor.

35 Que se borren da terra os pecadores e que non existan máis malvados. Alma miña, bendice ó Señor.

Lean sinn:



Sanasan