Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Salmos 103 - Biblia SEPT


(102) Os seus beneficios
1 De David.

1 De David. Alma miña, bendice ó Señor e todo o meu ser, o seu santo nome.

2 Alma miña, bendice ó Señor, non esquezas os seus beneficios.

3 El perdoa as túas culpas e sanda as túas doenzas;

4 rescata a túa vida da morte e coróate de amor e de tenrura;

5 farta de bens a túa existencia e renova coma a da aguia a túa mocidade.

6 O Señor fai xustiza e defende o dereito do oprimido.

7 Mostroulle a Moisés os seus camiños, ós fillos de Israel as súas fazañas.

8 O Señor é misericordioso e clemente, tardo á ira e rico en mercés.

9 Non contende por moito tempo nin se anoxa para sempre.

10 Non nos trata conforme ós nosos erros nin nos paga conforme ás nosas culpas.

11 Canto se alza o ceo sobre a terra, así é grande o seu amor para os que o temen;

12 canto dista o nacente do poñente, así arreda de nós as nosas culpas;

13 canto un pai ama ós seus fillos, así ama o Señor ós que o temen.

14 El sabe de que estamos feitos, recorda que somos lama.

15 Os días do home son coma o feo, o seu florecer coma o da flor:

16 Aínda non a roza o vento, xa se foi, e o seu sitio xa non a volve a ver.

17 Mais para os que o temen, o amor do Señor dura por sempre, a súa xustiza chega ós fillos e ós netos

18 dos que gardan a súa alianza, dos que recordan os seus mandatos e os cumpren.

19 O Señor asentou no ceo o seu trono e o seu reino goberna o universo.

20 Bendicide o Señor, os seus anxos, seres poderosos ás súas ordes, que obedecedes a súa palabra.

21 Bendicide ó Señor, os seus exércitos, servidores que facedes a súa vontade.

22 Bendicide ó Señor, as súas obras, en todos os lugares do seu reino. Alma miña, bendice o Señor.

Lean sinn:



Sanasan