Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Salmos 102 - Biblia SEPT


(101) Escoita o pranto dos cativos

1 Laios dun home aflixido, que expón a súa queixa ante o Señor.

2 Señor, escoita a miña súplica, chegue a ti o meu clamor.

3 Non me escondas o teu rostro no día do apuro. Pon cara a min o oído e, cando te chame, respóndeme axiña.

4 Os meus días esvaecen coma o fume, os meus ósos queiman coma as ascuas;

5 o meu corazón está murcho, seco coma o feo, e mesmo de comer o pan me esquezo.

6 A forza de xemer, a pel apégaseme ós ósos.

7 Estou como a curuxa do deserto, coma o moucho nas ruínas.

8 Ando sen tocar o sono, coma paxaro senlleiro no tellado.

9 Os inimigos aldráxanme decote, e xuran coma loucos contra min.

10 En vez de pan como cinsa e mesturo coas bágoas a bebida.

11 Con noxo e indignación érguesme en alto e tírasme.

12 Os meus días son coma sombra alongada, estou seco coma o feo.

13 Pero ti, Señor, manteste por sempre; o teu recordo, por todas as idades.

14 Ergueraste e apiadaraste de Sión, pois é tempo de ter dó dela, e a hora xa chegou.

15 Os teus servos téñenlles cariño ás súas pedras, teñen dó das súas ruínas.

16 As xentes temerán o nome do Señor, os reis da terra a súa gloria,

17 cando o Señor reconstrúa Sión e se mostre na súa gloria;

18 cando o Señor atenda a oración dos espoliados e non desprece a súa pregaria.

19 Isto escribirase para as xeracións vindeiras, e o pobo entón creado loará ó Señor.

20 O Señor olla desde o seu santuario excelso, desde o ceo mira para a terra.

21 Escoita o pranto dos cativos, libra os condenados á morte.

22 En Sión falarase do nome do Señor, en Xerusalén da súa gloria,

23 cando pobos e reinos se xunten para daren culto ó Señor.

24 A miña forza deveceu no camiño, os meus días minguaron.

25 E digo: —"Meu Deus, non me leves no medio dos meus días; os teus anos duran por todas as idades.

26 O comezo asentaches a terra e os ceos son obra das túas mans.

27 Eles pasan, mais ti quedas; gástanse coma a roupa, coma un traxe que se muda;

28 pero ti es o mesmo, os teus anos non acaban.

29 Os fillos dos teus servos estableceranse, a súa posteridade estará segura á túa vista".

Lean sinn:



Sanasan