Salmos 10 - Biblia SEPT(11) A fachenda dos malfeitores 1 Por que, Señor, quedas lonxe, escóndeste na hora do apuro? 2 Mentres os malvados triúnfan, son asoballados os pobres, collidos nas insidias que lles traman. 3 O malvado gloríase da súa mesma cobiza, o avarento blasfema e despreza ó Señor. 4 Di o malvado, na súa insolencia: —"Deus non pide contas; non está". iso é todo o que pensa. 5 Os seus camiños prosperan, o teu xuízo queda lonxe da súa mente, búrlase dos seus adversarios. 6 Pensa para si: —"Non caerei, nunca na vida non terei unha desgraza". 7 Ten a boca chea de maldición, de inxurias e de fraude; a súa lingua encobre insidia e maldade. 8 Senta ó axexo nos currais para matar ás agachadas ó inocente. Cos ollos esculca os desvalidos, 9 Axexa nos recantos, coma león no tobo, axexa ós pobres, para os roubar, rouba a quen pilla na súa rede. 10 Agáchase, encóllese, e cae con todo o peso sobre os inocentes. 11 Pensa para si: —"Deus esquécese, ten a cara tapada e non ve". 12 Érguete, Señor; levanta, Deus, a túa man, non te esquezas dos pobres. 13 Por que ten que desprezar a Deus o malvado e matinar para si: —"Non pide contas?" 14 Ti mesmo podes ver os traballos e as penas, fixarte e collelos na túa man. A ti encoméndase o desvalido, ó orfo es ti quen o axuda. 15 Rompe o brazo do impío, pídelle contas da maldade, fai que desapareza. 16 O Señor reinará para sempre, e acabaranse os xentís na súa terra. 17 Ti acolles, Señor, o desexo dos pobres: confórtaos e aténdeos; 18 defende o dereito do orfo e do oprimido, e que ningún mortal exerza máis a insolencia. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)