Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -


RUT - A Biblia Galega (Ed. SEPT) 3 - Biblia SEPT


Rut e Boaz na eira

1 E díxolle Noemí, a sogra: —"Miña filla! E logo non che hei de buscar un porvir que te faga feliz?

2 E non é Boaz —o das criadas coas que estiveches— o noso parente? Velaquí que esta noite vai aventar os montóns da cebada na eira.

3 Así que lávate ben e únxete, viste o manto, baixa á eira e non te deixes albiscar ata que el remate de comer;

4 e, cando el se deite e ti saibas o lugar onde xace, vas e destápaslle os pés, e déitaste; e xa che amosará el o que tes que facer".

5 E respondeulle ela: —"Todo o que me dixeches, heino facer".

6 E baixou á eira e fixo tal como lle mandara a sogra.

7 Comeu Boaz e bebeu, aledou o seu corazón e foise deitar a carón da morea de gran. E chegou ela ás caladiñas, descubriulle os pés e deitouse.

8 E aconteceu arredor da media noite que o home arrefría; e, ó virarse, apercibiuse de que había unha muller deitada ós seus pés.

9 E dixo el: —"Quen es ti?" Respondeulle ela: —"Son Rut, a túa serva: estende as túas ás sobre a túa serva, pois es o seu redentor".

10 E el exclamou: —"Bendita sexas do Señor, miña filla!: este teu novo acto de piedade foi aínda mellor có primeiro, pois non fuches detrás dos mozos (xa fosen pobres ou ricos).

11 E agora, miña filla, non teñas medo: fareiche todo o que me digas, pois ben coñece toda a veciñanza que es unha muller exemplar.

12 Agora ben, é certo que eu son o teu redentor; pero tamén é verdade que hai un redentor máis achegado ca min.

13 Ti deixa pasar esta noite, e pola mañá, se lle parece ben ser o teu redentor, que sexa; e, se non gusta de ser o teu protector, vive Deus que o hei ser eu. Ti déitate ata a mañá".

14 E estivo deitada ós seus pés ata a mañá. El ergueuse antes de que un puidese recoñecer a seu veciño, pois pensaba: "Que non se saiba que esta muller veu á eira!"

15 E dixo:—"Achégame o manto que levas enriba, prémeo ben, e terma del". E mantívoo ela, el mediulle seis efahs de cebada, e ergueullos, e foi para a vila.

16 Chegou ela onda a sogra, quen lle preguntou:—"Como che foi, miña filla?" E contoulle todo o que aquel home fixera por ela.

17 E engadiu: —"Deume eses seis efahs de cebada, pois dixo: Non chegarás baldeira onda a túa sogra".

18 E díxolle Noemí: —"Fica tranquila, miña filla, ata que coñezas como acaba o asunto, pois ese home non acougará se non o remata hoxe".

Lean sinn:



Sanasan