RUT - A Biblia Galega (Ed. SEPT) 2 - Biblia SEPTRut e Boaz nos terreos 1 Tiña Noemí un parente por parte de seu marido, un home honorable, da familia de Elimélec; e chamábase Boaz. 2 E dixo Rut, a moabita, a Noemí: —"Déixame ir ó campo, apañar as espigas detrás daquel en quen hei de atopar benquerenza". E respondeulle ela: —"Vai, miña filla!" 3 Foi ela e, en chegando, púxose a espigar no agro detrás dos seitureiros. E levouna a súa fada a unha leira do agro de Boaz (o que era da familia de Elimélec). 4 E velaquí que Boaz chegou de Belén e díxolles ós xornaleiros: —"Que o Señor sexa convosco!" E respondéronlle: —"Que o Señor te bendiga!" 5 E dixo Boaz ó seu criado —o sobreposto ós seitureiros—: —"De quen é esa moza?" 6 E respondeu o criado, o capataz dos seitureiros: —"É unha moza moabita, que volveu con Noemí das chairas de Moab, 7 e dixo: podo espigar e rebuscar entre as gavelas detrás dos seitureiros? E púxose, e estivo de pé desde esa —pola mañanciña—, ata agora, sen a penas repouso: o que descansou ela na casa foi ben pouco". 8 E dixo Boaz a Rut: —"Óesme, miña filla? Non vaias espigar a outro agro, nin tampouco saias deste; máis ben xúntate coas miñas criadas; 9 fíxate ben no agro que segan e vaite detrás delas, que xa lles deixo eu dito ós mozos que non che rifen. E, cando teñas sede, vai ás olas e bebe do que sacan os xornaleiros". 10 Entón ela abateuse, prostrándose por terra, e díxolle a el: —"Por que atopei benquerenza ós teus ollos, para reparares en min, sendo como son unha estranxeira?" 11 E respondeulle Boaz: —"Quedoume ben claro todo o que fixeches coa túa sogra despois da morte do teu home, e como deixaches a teu pai, a túa nai, e a túa terra natal, para vires a un pobo que antes non coñecías. 12 Que o Señor bendiga o teu proceder e sexa completo o teu galardón da parte do Señor, Deus de Israel, xa que viñeches ampararte baixo as súas ás". 13 E dixo ela: —"Atope eu benquerenza ós teus ollos, meu señor, pois me confortaches e porque falaches ó corazón da túa serva, sen ser eu sequera unha das túas criadas". 14 E, ó tempo de xantar, díxolle Boaz: —"Achégate aquí e come do pan, molla o teu codelo no vinagre". Entón ela sentouse a carón dos segadores; el ofreceulle unha espiga torrada, e comeu ela ata fartarse, e aínda lle sobrou. 15 Ergueuse ela para espigar e deu orde Boaz ós seus criados, dicindo: —"Que recolla tamén entre as gavelas sen que a rifedes; 16 e mesmo habédeslle deixar caer algo das gavelas e permitídelle recollelo, sen lle berrardes". 17 Daquela apañou no campo ata o serán e desgranou o que recollera, que resultou ser coma un efah de cebada. 18 Ergueuno, e chegou á vila, amosoulle á súa sogra o que recollera; e, de seguido, sacou e deulle o que lle sobrara da súa fartura. 19 E díxolle a sogra: —"Onde apañaches hoxe e como fixeches? Bendito sexa o que reparou en ti!" E contoulle á súa sogra de quen apañara, dicindo: —"O nome da persoa con quen traballei hoxe é Boaz". 20 E díxolle Noemí á nora: —"Bendito sexa do Señor, pois non esqueceu a súa piedade cos vivos nin cos mortos". E engadiu: —"Ese home é o noso parente, un dos nosos goeles". 21 E dixo Rut, a moabita: —"Díxome tamén el: podes andar canda os meus criados, ata que rematen a miña seitura". 22 E díxolle Noemí a Rut, súa nora: —"Mellor é, miña filla, que saias coas súas criadas, que non que che rifen noutro agro". 23 E xuntouse coas criadas de Boaz para espigar ata o remate da seitura da cebada e da ceifa do trigo, pero moraba onda a súa sogra. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)