RUT - A Biblia Galega (Ed. SEPT) 1 - Biblia SEPTIntrodución: Estranxeiros na terra de Moab 1 E aconteceu polos días en que gobernaban os Xuíces, que había fame no país, e foi un home de Belén de Xudá emigrar ás chairas de Moab, coa súa muller e mais os dous fillos. 2 O nome do individuo era Elimélec, e o da muller, Noemí; e os nomes dos dous fillos, Mahlón e Quilión (efrateos, de Belén de Xudá). E chegaron ás chairas de Moab e moraron alí. 3 Morreu Elimélec —o home de Noemí— e quedou ela cos dous fillos. 4 E procuraron para eles mulleres moabitas: o nome da primeira, Orpah, e o nome da segunda, Rut; e residiron alí arredor de dez anos. 5 Morreron tamén eles dous —Mahlón e Quilión— e quedou a muller sen os dous fillos e sen home. O retorno á terra de Xudá 6 E ergueuse ela coas súas noras para volveren das chairas de Moab, pois oíu na terra cha de Moab que o Señor se lembrara do seu pobo e lles dera pan. 7 Saíu do lugar onde estivera e con ela as dúas noras; e ían de camiño para volveren á terra de Xudá. 8 E dixo Noemí ás dúas noras: —"Andade, volvede cada unha á casa da vosa nai, e que o Señor vos trate con piedade, como fixestes vós cos finados e comigo. 9 Que o Señor vos conceda a cada unha atopardes acougo na casa do voso home". E bicounas; elas deron laídos e romperon a chorar. 10 E dixéronlle a ela: —"Nós imos contigo para o teu pobo". 11 Respondeulles Noemí: —"Volvede, miñas fillas: por que teimades ir comigo? E logo hei de ter eu máis fillos nas miñas entrañas, que volos poida dar como maridos? 12 Voltade, oh, miñas fillas, ídevos, pois eu volvinme vella para coller marido; e, aínda que dixese "teño aínda esperanza" e conseguise marido xa esta noite, e mesmo xerase fillos, 13 logo vosoutras agardariades por eles, sen collerdes marido? Non, miñas fillas: máis tristura é a miña cá vosa e botouma enriba a man do Señor". 14 Laiaron e romperon a chorar outra vez. E bicou Orpah á súa sogra, pero Rut apegouse a ela. 15 E dixo Noemí: —"Velaquí que a túa cuñada volveu ó seu pobo e ó seu deus: volta ti detrás da túa cuñada". 16 Respondeu Rut: —"Non me pidas que te deixe, que me arrede de onda ti, pois, a onde vaias ti, irei tamén eu, e onde te acollas, acollereime eu contigo; o teu pobo será o meu pobo, e o teu Deus será o meu Deus. 17 Onde morras, alí morrerei eu e alí haberanme de enterrar. Que o Señor me faga isto e engada aquilo, se non é a morte a que me arrede de ti!" 18 E viu Noemí que teimaba no de ir con ela e deixou de porfiar. 19 E foron as dúas xuntas ata que chegaron a Belén. E aconteceu que, en chegando a Belén, rebuliu toda a vila por mor delas; e dicían: —"E logo non é esta Noemí?" 20 Pero ela dicíalles: —"Non me chamedes Noemí: chamádeme Marah, porque o Omnipotente encheume de amargura. 21 Marchei chea e o Señor fíxome volver baldeira. Por que entón me chamades Noemí, se o Señor declarou contra min e carrexoume o mal o Todopoderoso?" 22 Deste xeito volveu Noemí coa súa nora Rut, a moabita, que viña das chairas de Moab. E chegaron a Belén ó comezo da seitura da cebada. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)