Romanos 3 - Biblia SEPTObxeccións 1 —Cal é, logo, a vantaxe do xudeu? Para que vale a circuncisión? 2 Moita, en todos os sentidos. En primeiro lugar porque se lle confiaron as palabras de Deus. 3 Que importa que algúns non cresen? Ou é que a incredulidade deles vai anular a fidelidade de Deus? 4 De ningunha maneira. Quede ben claro que Deus é veraz, e que todo home é mentireiro, como está escrito: Os teus argumentos amosarán a túa inocencia e no xuízo sairás vencedor. 5 Pero se a nosa inxustiza fai salientar a xustiza de Deus, que diremos? Falando ó xeito humano: non será inxusto Deus, descargando a súa ira? 6 De ningunha maneira. Se así fose, como vai xulgar Deus ó mundo? 7 Xa, pero se, por contraste coa nosa mentira, a verdade de Deus queda destacada para a gloria súa, por que por riba se me condena como pecador? 8 E por que non dicir xa (como algúns con calumnia din que dicimos nós): "Fagamos o mal para que resulte o ben?". Esa xente merece a condenación. 9 En resumidas contas, temos algunha vantaxe? En definitiva, ningunha, pois acabamos de deixar convictos tanto ós xudeus coma ós gregos, de estaren todos baixo o pecado. 10 Como está escrito: Non hai nin sequera un xusto, 11 non hai nin un ben asisado, nin un que busque a Deus. 12 Todos se extraviaron, xuntamente se perderon; non hai quen faga o ben, non hai nin un. 13 Sartego aberto é a súa gorxa, coas súas linguas tecen dolos, veleno de víbora hai nos seus beizos. 14 A súa boca está chea de maldición e amargura. 15 Lixeiros son os seus pés para verter sangue, 16 sufrimento e miseria deixan nos seus camiños, 17 non atoparon camiño de paz. 18 O temor de Deus non existe para eles. 19 Ora, sabemos que canto se di na Lei se refire ós que están baixo a Lei: para que toda boca quede pechada, e todo o mundo quede convicto ante Deus. 20 Porque ninguén se poderá xustificar ante El polas obras da Lei, xa que a Lei só serve para dar conciencia do pecado. A xustificación só vén pola fe 21 Mais agora, con total independencia da Lei, manifestouse a xustiza de Deus; a que atestaran a Lei e mais os Profetas. 22 Esta é a xustiza de Deus por medio da fe en Xesús Cristo, para todos os que cren. Porque non hai distinción ningunha: 23 todos pecaron, e carecen da gloria de Deus. 24 Pero todos quedan xustificados, sen o mereceren, pola súa graza, mediante a redención que se realizou en Cristo Xesús. 25 Pois Deus púxoo a El coma propiciatorio no que, pola fe, se expían os pecados mediante o seu sangue. Así mostra que era xusto cando deixaba sen castigo os pecados cometidos antes, 26 no tempo da paciencia de Deus, ó demostrar agora a súa xustiza no tempo presente; de xeito que se vexa que El é xusto e que xustifica a quen ten fe en Xesús. 27 Onde está, logo, o orgullo? Quedou eliminado. Por que Lei? Pola das obras? Non; pola lei da fe. 28 Pois afirmamos que o home é xustificado pola fe, con independencia das obras da Lei. 29 Ou é que Deus é Deus dos xudeus soamente? Non o é tamén dos xentís? Certo, tamén dos xentís. 30 Porque hai un só Deus, que xustificará a ambos: ós circuncisos pola fe, e ós incircuncisos tamén pola fe. 31 Logo coa fe derrogamos a Lei? De ningunha maneira, máis ben a confirmamos. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)