Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Qohélet (Eclesiastés) 9 - Biblia SEPT

1 Pois ben, a todo isto apliquei a miña mente para chegar ó seguinte resultado: que os xustos e os sabios e as súas obras están na man de Deus. Se amará ou se aborrecerá, tampouco o sabe o home. Todo canto ten diante é

2 efémero; xa que a todos alcanza o mesmo destino: ó inocente e ó culpable, ó puro e ó impuro, ó que ofrece sacrificios e a quen non, ó home de ben e ó pecador, ó que xura e a quen ten medo de xurar.

3 Este é o mal que acompaña a canto acaece baixo o sol: o tocarlles a todos a mesma sorte; e xuntamente, o estar o corazón dos homes cheo de malicia, con arroutadas no maxín mentres viven e co porvir entre os mortos.

4 Quen aínda estea asociado cos vivos, ten esperanza, xa que: "Máis conta can vivo ca león morto".

5 Pois: "Os vivos saben que han morrer; os mortos non saben xa máis nada" nin van ter recompensa, pois esquécese a súa memoria.

6 Amor, odio, envexa, para eles rematou todo. Nin terán máis parte no que se fai baixo o sol.


Aproveita o don de Deus

7 Vai xantar no teu pan con ledicia! Bebe contento do teu viño! Pois Deus xa se compraceu nas túas accións.

8 Viste en todo tempo vestiduras brancas e non falte o perfume sobre a túa cabeza!

9 Goza da vida coa muller que amas todo o que dure a túa efémera existencia, a que se che concedeu baixo o sol, o total dos teus días efémeros! Tal é o teu quiñón de vida e de traballo polo que te afanas baixo o sol.

10 Canto estea na túa man facer, faino! Porque non hai actividade, nin cálculo, nin coñecer, nin Sabedoría no Xeol, para onde camiñas.


Incerteza do tempo

11 De novo observei baixo o sol que non é dos veloces a carreira nin a guerra dos heroes, nin dos asisados o ter pan, nin dos entendidos a riqueza, nin o favor dos sabedores, senón que a ocasión e a sorte cáenlles por igual a todos.

12 Por enriba diso o home non sabe do seu momento: coma os peixes se enredan na rede fatal, e os paxaros se pillan coa trampa, do mesmo xeito atrápanse os homes nun mal momento cando lles vén enriba de improviso.


XII. Máis vale maña ca forza

13 Vin aínda outro caso instrutivo baixo o sol, que me encolleu o ánimo:

14 Había unha pequena vila na que habitaban poucos homes. E chegou ata ela un gran rei, que a cercou e construíu contra ela grandes torres.

15 Atopábase alí un home, pobre pero mañoso, que coa súa sabenza salvou a vila. E cocn todo ninguén se lembrou máis daquel home pobre.

16 Dixen entón para min: "Máis vale maña ca forza" só que a maña do pobre é desprezada se ninguén presta oídos ás súas razóns.

17 "Verbas de Sabios escoitadas con sosego valen máis cós berros dun comandante de Parvos".

18 "Mellor é a astucia cás armas guerreiras", pero un erro só bota a perder moitos bens.

Lean sinn:



Sanasan