Qohélet (Eclesiastés) 8 - Biblia SEPTIX. Inseguridade e inquedanza 1 Quen é coma o Sabio? Quen é capaz de interpretar un feito? "A Sabedoría dun home bríllalle no rostro, e trócalle a dureza da face". 2 Ti cumpre a orde do rei e non te precipites no tocante ó xuramento a Deus. 3 Sae da súa presenza, non quedes, se estás nunha mala situación, pois pode facer todo canto quere. 4 Porque: "A palabra do rei é poderosa e quen lle vai dicir: Que fas ti alí?". 5 "Quen cumpre co mandado, non sufrirá nada malo" e: "Do momento oportuno e do xuízo, sabe o corazón sabio". 6 Xa que todo asunto ten o seu tempo e a súa razón, e sobre o home penden moitos males; 7 non coñece o que lle pode acaecer, e quen o vai informar do que está por vir? 8 Non hai home que poida controlar o espírito, como non hai control do día da morte, nin evasión da loita, nin riqueza que deixe libre ó seu dono. 9 Todo isto considerei prestando atención a canto se fai baixo o sol durante o tempo en que un home domina sobre outro para mal. X. O problema da retribución 10 Deste modo vin eu levar para a cova ós impíos. E vaise con eles, e vóltase do camposanto. E esquécese na vila o que fixeron. Tampouco isto non ten xeito! 11 E se a sentencia por un mal proceder non se executa de seguido, os homes collen folgos para facer o mal; 12 con todo, aínda que é verdade que o pecador que fai o mal cen veces, é tolerado, ben sei eu aquilo de: "Os que temen a Deus terán a felicidade xustamente por temelo"; 13 e tamén: "Non lle irá ben ó impío; igual cá sombra non prolongará os seus días, porque non teme a Deus". 14 Aínda hai outra cousa absurda na terra: Xustos ós que lles vai coma se obrasen coma impíos; impíos ós que lles vai coma se fixesen igual cós xustos. Eu penso que tamén isto é un absurdo. 15 Eu aprobo a ledicia, pois non hai cousa mellor para o home baixo o sol que comer e beber e gozarse. Isto é o que o acompaña no seu esforzo os días de vida que Deus lle dea baixo o sol. XI. Tampouco os Sabios coñecen o obrar de Deus 16 Apliqueime a coñecer a Sabedoría e a considerar o traballo que se realiza na terra: nin de noite nin de día albisca o home o sono cos seus ollos. 17 E observei todo o facer de Deus: o home non consegue descubrir a propósito do que se fai baixo o sol; e por máis que o home se esgote en procuralo, non o atopa; e aínda que o Sabio coida que o sabe, non pode dar con el. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)