Qohélet (Eclesiastés) 6 - Biblia SEPTV. O desexo que non se sacia 1 Outro mal vin baixo o ceo que preme moito nos homes: 2 Dálle Deus a un riquezas, bo vivir, boa sona; nada lle faltou ó seu apetito de canto puidese arelar; pero Deus non lle permite gozalo, senón que un alleo llo goza. Iso si que é absurdo e unha desventura grande. 3 Por máis que críe cen fillos e viva unha morea de anos; por moitos que sexan os seus días, se non pode fartar a súa fame de felicidade, nin acada sepultura, coido eu que máis sorte ten un aborto, 4 xa que: "Chega en van, vaise coas tebras, e na sombra ocúltase o seu nome". 5 Aínda que non ollase o sol e non coñeza nada, con todo máis repousa este có outro. 6 E mesmo se un vivise dous milleiros de anos sen experimentar goce ningún, non van dar todos no mesmo lugar? 7 "Todo canto o home trasfega é para a súa boca mais a súa gorxa non se dá enchida". 8 Que vantaxe lle leva o sabio ó necio, ou o pobre ó que sabe arranxarse pola vida? 9 "Mellor é ter algo á vista, que deixar vagar o desexo". Pero tamén isto é un sopro e papar ventos. 10 O que sucede xa estaba determinado hai tempo. O que un home é xa se sabía. Non é el quen para debatelo con quen pode máis ca el. 11 O moito falar disto non fai máis que aumentar o sen sentido. De que lle serve ó home? 12 Pois quen sabe o que lle cómpre ó home na súa vida cos días contados do vivir efémero que esmorece coma a sombra? E quen pode informalo do que vai acontecer despois del baixo o sol? |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)