Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Qohélet (Eclesiastés) 3 - Biblia SEPT


Poema do tempo e a hora

1 Todo ten a súa hora, e hai un tempo fixado para cada asunto baixo os ceos:

2 Un tempo para nacer, e un tempo para morrer, un tempo para plantar e un tempo para arrincar o plantado,

3 un tempo para asasinar e un tempo para vendar, un tempo para derrubar e un tempo para edificar,

4 un tempo para chorar e un tempo para rir, un tempo para facer o pranto e un tempo para bailar,

5 un tempo para espallar pedras e un tempo para apañalas, un tempo para abrazar e un tempo para se abster de abrazos,

6 un tempo para buscar e un tempo para perder, un tempo para gardar e un tempo para desbotar,

7 un tempo para rachar e un tempo para coser, un tempo para calar e un tempo para falar,

8 un tempo para amar e un tempo para odiar, un tempo para a guerra e un tempo para a paz.


O tempo está na man de Deus

9 Que proveito pode acadar quen se esforza no seu traballo?

10 Decateime da tarefa que Deus lles deu ós homes para nela se ocuparen.

11 Todo o fixo axeitado no seu tempo, e púxolles na conciencia o senso do inconmensurable, sen que o home descubra a razón da obra que Deus fai desde o principio á fin.

12 Recoñecín daquela que non hai cousa mellor para o home que se alegrar, e procurar a felicidade mentres viva.

13 Mais tamén que o home coma e beba e o pase ben á conta do seu, é don de Deus.

14 Comprendín que todo o que faga Deus durará para sempre: Nin se lle debe engadir nin se lle debe toller, Deus mesmo foi quen o fixo para que eles o respecten.

15 O que sucede xa pasou antes; o que vai vir xa acaeceu; mais Deus pode buscar o que fuxiu.


II. Inxustiza na administración

16 Aínda vin outra cousa baixo o sol: no tribunal, o delito; na sede da orde, a transgresión.

17 Pensei para min: tanto ó xusto coma ó impío haos de xulgar Deus, pois: "Hai un tempo para todo e para cada acción hai un decreto".

18 No tocante ós humanos, matinei deste xeito: próbaos Deus para que vexan que de seu son coma as bestas,

19 xa que igual é o destino dos homes e o das bestas: como morre este morre aquel; entrambos teñen o mesmo alento. Nin lle leva o home vantaxe ó bruto, xa que todos son un sopro.

20 Todos van dar no mesmo lugar: "Todos veñen do po; todos tornan ó po".

21 Quen pode saber se o alento dos homes ascende ás alturas ou se o bafo das bestas baixa á terra?

22 Decateime que non hai cousa mellor que o que o home se goce das súas obras. Tal é o seu quiñón, pois: "Quen pode darlle a ver o que virá despois del?"

Lean sinn:



Sanasan