Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Qohélet (Eclesiastés) 2 - Biblia SEPT

1 Dixen entón para o meu interior: Veña! Probemos coa Ledicia, e a gozar do que é bo! Mais velaquí que tamén iso é efémero.

2 Chameille ó rir "Parvadas", e da ledicia dixen: "Para que serve?"


Vaidade do pracer: Salomón

3 Cavilei no corazón de dar o corpo ó viño, mantendo a miña intención sabia, aplicándome á loucura ata descubrir se esa é a felicidade que o home poida acadar baixo o ceo no par de días que vai vivir.

4 Fixen cousas magníficas: edifiquei pazos, plantei viñas;

5 fixen para min xardíns e soutos e plantei neles toda clase de froiteiras;

6 cons—truín estanques de auga para con eles regar na fraga as árbores en agromo;

7 merquei servos e servas e tiven escravos nados na casa; e aínda gando de vacas e greas de ovellas abondo, máis que cantos me precederon en Xerusalén.

8 Amoreei tamén prata e ouro e tesouros de reis e provincias; procurei cantores e cantoras, e a delicia dos homes: amoríos a eito.

9 Superei en magnificencia a todos os que me precederon en Xerusalén; con todo ó meu carón mantívose a Sabedoría.

10 De canto os meus ollos me demandaban, nada lles neguei. Non recusei ledicia á miña arela; pois o meu ánimo gozaba de toda esta riqueza coma premio de todo o meu degoiro.

11 Voltei entón os ollos para as obras que fixeron as miñas mans e para o traballo que me custara realizalas, e velaquí que todo fora un sopro e papar ventos, e que nada hai de proveitoso baixo o sol.


O valor da Sabedoría

12 Púxenme a reparar daquela na Sabedoría e na Necidade e na Tolemia (por certo: Que vai facer o home que lle suceda ó Rei? —O que xa antes del outros fixeron),

13 e observei que a Sabedoría ten unha vantaxe sobre a Tolemia, coma a que lle leva a luz á tebra:

14 "O Sabio ten ollos na cara, o Necio camiña na tebra", mais sei tamén que igual destino lles cae enriba ós dous.

15 Dixen entón para min: o que lle toque ó Necio, iso tocarame a min tamén; para que souben tantísimo? —E concluín que tamén isto é un sen sentido,

16 xa que: "A longo prazo non hai lembranza nin do sabio nin do Necio"; "axiña virán os días en que todos os esquezan". "Ai! Morre o Sabio coma morre o Necio".

17 Cheguei así a odiar a vida, pois pareceume mal todo canto acontece baixo o sol, xa que todo é efémero e puro papar ventos.


Nada se consegue baixo o sol

18 E aborrecín toda a ganancia pola que traballei baixo o sol, pois heina de deixar a un descendente meu,

19 e quen sabe se será un Sabio ou un badoco? Un tal será o herdeiro do que con tanto esforzo conseguín con grande habilidade baixo o sol! Tamén iso é cousa sen xeito.

20 A punto estiven de desesperar de toda a fatiga que soportei baixo o sol;

21 pois, pon por caso un home que lle debe o que gañou ó seu saber, prudencia e éxito, e que o teña que deixar en herdanza a un que non o traballou. Évos tamén un grande sen sentido e grande mal.

22 Abofé, que tira un home tal de todo o seu esforzo e de darlle voltas ó maxín, traballando baixo o sol?

23 "Dores todos os días, molestias do seu loitar, noites en branco matinando", E isto sonvos tamén andrómenas!


Aproveitar a felicidade, que vén de Deus

24 Non lle resta ó home cousa mellor senón comer e beber e darse boa vida do froito do seu esforzo. E ata estou certo que facer iso pende da man de Deus.

25 Pois quen ten de que comer e quen pasa apuros se non é por El?

26 O home que lle agrada dálle El sabedoría, ciencia, ledicia; e ó que erra, ponlle coma tarefa recoller e achegar para dalo despois a quen Deus considera. Tamén isto é sen tino e papar ventos.

Lean sinn:



Sanasan