Qohélet (Eclesiastés) 12 - Biblia SEPTAlegoría da vellez 1 Lembra ó teu creador nos anos mozos antes de que cheguen os días malos e te atopes cos anos dos que dirás: "Non sinto pracer neles"! 2 Antes de que se atolde o sol e a luz, a lúa e as estrelas, e retornen as nubes trala chuvia; 3 o día en que treman os gardiáns da casa e se dobren os fortes, e deixen de moer as muiñeiras, que serán poucas, e escurezan os que ollan desde as fiestras. 4 Cando se pechen os portóns que dan á rúa, e esmoreza o fungar do muíño convertido en rechouchío de paxaros, e se esgoten os cantares; 5 Darán espanto mesmo os tropezos do chan e amedrentaranse as rúas. Cando floreza a amendoeira e o saltón se pouse e non teña a alcaparra o seu amargor, porque o home camiña para a morada eterna e xa roldan polo adro as carpideiras. 6 Antes de que crebe o fío de prata e rompa o pichel de ouro e quebre a cántara na cisterna e se fenda a roldana no pozo; 7 e torne o po á terra que antes era, e volva o espírito cara a Deus, que o deu. 8 Nada máis ca un sopro, di Qohélet, todo é un sopro! EPÍLOGO I 9 Qohélet, amais de ser Sabio, ensinou ó pobo o que sabía. Recolleu, examinou e recompuxo moitos ditos. 10 Procuraba Qohélet dar coas verbas asisadas, escribindo con xeito palabras verdadeiras. 11 "As sentencias do Sabio son coma aguilladas; e cravos ben afincados o que se atopa nas escolmas, cando os presenta o Pastor en persoa". EPÍLOGO II 12 Por enriba de todo, meu fillo, déixate aconsellar: o moito escribir libros non ten fin, e o moito matinar fatiga o corpo. 13 Conclusión de todo o escoitado: Ti teme a Deus, e garda os meus mandatos, pois iso é ser home cabal; 14 xa que Deus vai levar a xuízo todas as accións, aínda as ocultas, sexan boas ou malas. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)