Qohélet (Eclesiastés) 10 - Biblia SEPTXIII. Tolemia e Necidade 1 "Unha mosca morta fai feder un perfume de marca", e un pouco de Tolemia custa máis caro có saber e a gloria. 2 "Se o Sabio dirixe a mente para a dereita o Tolo faino para a esquerda". 3 Por onde queira que camiñe o Parvo, fáltalle siso: vai proclamando a todo o mundo que está tolo. 4 Se a xenreira do que manda se dirixe contra ti, non deixes o teu posto, xa que: "A mansedume sanda grandes erros". Ineptos, no poder 5 Vin que hai un mal baixo o sol, unha especie de falta que ten orixe no soberano: 6 Un inepto posto en altos cargos, mentres que os aptos e capaces sentan por debaixo. 7 Vin servos de a cabalo e principais camiñando coma servos pola terra. Tamén o ben pode traer males 8 "O que cava unha foxa, pode caer nela e quen derruba un muro pode ser mordido pola cobra". 9 "Quen pica pedras pódese ferir con elas, quen parte leña pódese mancar con ela". 10 "Cando o ferro se embota (por non lle afiar o gume), cómpre facer máis forza", mais é unha vantaxe empregar ben a habilidade. Distintos falares 11 "Cando a serpe pica antes do esconxuro, de nada vale o esconxurador". 12 "As verbas da boca do Sabio son axeitadas, os labios do Tolo son os que o perden"; 13 o seu exordio xa é unha parvada e a súa peroración, un fatal desvarío, 14 e conste que o Tolo fala abondo. Con todo, o home non sabe o que vai suceder, e quen lle contará o que virá despois del? 15 Cando por fin ficará canso o Tolo no seu esforzo se nin sequera dá co camiño para a vila? Crítica ós gobernantes 16 Ai de ti, terra onde o rei é un monifate, e onde os ministros amencen entre enchedelas! 17 Benia ti, terra na que o rei é un notable, e onde os ministros xantan ás súas horas!, barís, non bébedos. Temas varios 18 "Por neglixencias afúndense as trabes do teito, por mans nugallás pinga toda a casa". 19 Para folgar fanse os banquetes, e o viño aleda a vida, e o diñeiro concede todo. 20 Non renegues do rei nin en pensamento! Non fales mal do rico nin na alcoba! Pois ata os paxaros do ceo lle irán co conto, e mesmo os seres alados rexouban. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)