Qohélet (Eclesiastés) 1 - Biblia SEPT1 Verbas de Qohélet, fillo de David, rei en Xerusalén. 2 Nada máis ca un sopro, —di Qohélet— un lene sopro, un breve aire é todo. I. O home, limitado e fuxidío 3 Que proveito tira o home de todas as angueiras polas que traballa baixo o sol? 4 Vaise unha xeración, vén outra, e a terra sempre queda. 5 Sae o sol, ponse o sol, volta sen folgos ó seu posto; de alí torna a xurdir. 6 Torna ó Sur, vira para o Norte, xira que xira, camiña o vento; volve o vento ás súas reviravoltas. 7 Todos os ríos van dar no mar, e o mar non se enche. Para onde os ríos camiñan, alí tornan incesantes. 8 Todas as verbas se esgotan; ninguén acada a expresarse. O ollo non se dá farto de ver, non se enche a orella de oír. 9 O que foi, iso será; o que xa se fixo, farase; pois nada hai novo baixo o sol. 10 Supón que de algo se diga: —"Mira que isto é novo". ...Pois xa aconteceu nos tempos que nos precederon. 11 Non hai memoria dos devanceiros, nin a haberá dos vindeiros; non os relembrarán os que veñan despois. Cal é o senso da vida, da sabedoría e do pracer? 12 Eu, Qohélet, reinei sobre Israel en Xerusalén, 13 e propúxenme pescudar e investigar aleuto todo canto acontece baixo o sol: dura tarefa que Deus lles impón ós humanos para que nela se afanen. 14 Contemplei todas as accións que se fan baixo o sol. Resultado: todo é efémero e papar ventos. 15 O torcido non se pode endereitar, co que non hai non se pode contar. 16 Pensei para min: sen dúbida fíxenme famoso amoreando máis sabedoría ca todos os que me precederon en Xerusalén; e a miña mente acadou grande saber e ciencia. 17 Esforceime así en coñecer o que é a Sabedoría e o que son a Necidade e a Tolemia, e agora decátome de que tamén iso é papar ventos, 18 pois: "moito saber, moita molestia, e canta máis ciencia, máis sufrir". |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)