Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Proverbios 8 - Biblia SEPT


A Sabedoría onda Deus

1 Velaquí a Sabedoría que chama, o discernimento ergue a súa voz

2 nos cumios, á beira dos camiños, apóstase nas congostras,

3 xunto ás portas da cidade, a carón das cancelas, pregoa:

4 É por vós, homes, por quen chamo, a miña voz diríxese á humanidade.

5 Inxenuos, aprendede a habilidade, necios, adquiride siso;

6 escoitade, que vou dicir cousas elevadas, o que dirán os meus labios é honrado,

7 pois a miña boca moumea a verdade e os meus labios aborrecen o mal.

8 Todos os meus ditos son honestos, non hai neles cousa torta nin perversa;

9 todos eles son sinceros para o home asisado, e rectos para cantos acadaron saber.

10 Aceptade a miña instrución mellor có diñeiro e o coñecemento máis có ouro refinado,

11 pois a sabedoría vale máis do que as perlas e non ten comparanza co máis prezado.

12 Eu, a Sabedoría, convivo coa prudencia, sei dar cos procedementos axeitados.

13 (Temer a Deus é odiar o mal) Eu aborrezo o orgullo e a fachenda, a mala conduta e a boca perversa;

14 meus son o plano político e a competencia, a intuición e mais o poder;

15 polo meu medio reinan os reis e os gobernantes decretan leis xustas;

16 por min administran os estadistas e mais os magnates: todo o que ten dereito a gobernar.

17 Eu amo a quen me ama e quen me procura hame encontrar;

18 eu traio fartura e honra, riqueza ben fundada e xustiza;

19 o meu froito é mellor có ouro bruto e có refinado, o meu produto vale máis cá prata de lei;

20 eu marcho polo vieiro da xustiza, polas vereas da equidade,

21 repartindo propiedades ós que me aman e enchendo os seus tesouros.

22 O Señor produciume ó encetar a súa tarefa, antes das súas actividades;

23 desde a antigüidade, desde o remoto pasado fun formada, antes das orixes da terra.

24 Cando non había océanos abismais, fun parida, cando non había fontes, mananciais de auga;

25 Aínda non foran afincadas as montañas, antes dos outeiros, fun dada a luz;

26 cando aínda non fixera a terra e as campías nin os terróns primeiros do mundo,

27 cando afirmaba o ceo, alí estaba eu; cando gravaba o cerco arredor do abismo,

28 cando aseguraba as nubes no alto e daba enerxía ás fontes subterráneas,

29 cando lle impuxo os lindes ó mar de xeito que as augas non incumprisen o seu mandato, cando fixaba os alicerces da terra,

30 Alí mesmo estaba eu, cabo del, coma un mestre de obras, dándolle gusto día tras día, folgando diante del continuamente,

31 recreándome no orbe da terra, e o meu pracer foron os seres humanos.

32 Escoitádeme, xa logo, filliños: felices os que seguen os meus camiños;

33 Atendede a instrución e sede sabios, non a refuguedes.

34 Feliz o home que me escoita velando as miñas portas día a día, gardando os marcos da miña cancela;

35 pois quen me atopa atopou a vida e obtivo o favor do Señor;

36 mais quen me ofende, a si mesmo se violenta, todos os que me odian, aman a morte.

Lean sinn:



Sanasan