Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Proverbios 7 - Biblia SEPT


Retrato da sedutora

1 Meu fillo, atende as miñas razóns, garda dentro de ti os meus mandatos;

2 observa os meus preceptos para que vivas e o meu ensino coma a meniña dos teus ollos;

3 Átaos ós teus dedos, escríbeos na táboa do teu corazón.

4 Dille á sabedoría: —"Ti es a miña noiva", chámalle á intelixencia: —"Prometida",

5 de xeito que te garde da muller allea e das verbas suaves da estranxeira.

6 Por certo, estaba eu na fiestra da miña casa, ollando pola cancela,

7 e velaquí que descubrín entre os inxenuos, percibín entre os rapazotes, un mozo sen siso

8 Atravesando a rúa na revolta e dirixirse camiño da súa casa.

9 Era entre lusco e fusco, no serán, no escuro da lúa nova.

10 E velaí que lle sae ó encontro unha muller co vestido e xeitos arteiros dunha mala femia,

11 desenvolta e inqueda; os pés non a puideran reter na casa:

12 sexa na rúa, sexa na casa, está sempre a axexar por todos os recantos.

13 Entón aferra nel e bícao e con descaro dille:

14 —"Estaba a preparar un banquete sacrificial, pois hoxe teño que cumprir os meus votos;

15 por iso saín por te invitar, procureite por todas as partes e xa te encontrei;

16 cubrín o meu leito de tapetes, con cobertores de cor, de liño de Exipto;

17 perfumei a alcoba con mirra, áloe e nardo.

18 Ven, embriaguémonos de agarimos ata o amencer, gocémonos cos nosos amoríos,

19 que o meu home non está na casa, vai de viaxe para tempo;

20 levou consigo a bolsa do diñeiro e non volverá ata a lúa chea".

21 Sedúceo ela deste xeito coas súas moitas razóns e arrástrao cos seus labios falaces.

22 E o parviño vai tras ela coma vai o boi ó matadoiro, coma o cervo se enguedella no lazo,

23 coma o paxaro voa cara á trampa ata que a frecha lle atravesa o fígado, sen se decatar que aí lle vai a vida.

24 Polo tanto, filliños, escoitádeme, atendede as miñas palabras:

25 Non dobregues o teu ánimo para os seus camiños, non te extravíes nas súas vereas,

26 que moitos son os feridos que ela guindou, todas as súas vítimas son innumerables,

27 A súa casa é o camiño do Xeol que descende ata as moradas da morte.

Lean sinn:



Sanasan