Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Proverbios 6 - Biblia SEPT


Non deas fianza

1 Meu fillo, se saíches fiador polo teu veciño, ou deches unha aperta de mans por un estraño;

2 se te enguedellaches nas túas propias verbas ou te cazaron con palabras da túa boca,

3 obra deste xeito, meu fillo, e ponte a salvo xa que caíches na man do teu veciño: vai, humíllate e importúnao,

4 non lles deas sono ós teus ollos nin acougo ás túas pálpebras;

5 céibate, coma gacela, do cazador, coma o paxaro da man do trampuzas.


O nugallán e a formiga

6 Ergue e vai cabo da formiga, preguiceiro, considera o seu xeito, e faite sabio:

7 Ela non ten xefe, nin capataz, nin gobernante;

8 Almacena o seu gran no estío, achega o seu xantar durante a colleita.

9 E ti, nugallán, canto tempo vas durmir? Cando te vas erguer do sono?

10 Un pouquiño a durmir, un pouquiño a adurmiñar, un pouquiño a deitarse cos brazos cruzados

11 e a pobreza chega coma un vagabundo e a necesidade coma un mendigo.


O malvado

12 Persoa argalleira é o malvado: procede con retranca ó falar,

13 chisca o ollo, fai xogos cos pés e sinala co dedo,

14 trama perversidades e matina o mal, e sempre anda a espallar liortas;

15 por iso lle ha vir de súpeto a desgraza e nun intre será esnaquizado sen remedio.


O antisocial

16 Seis cousas hai que o Señor refuga e mais unha sétima que El aborrece:

17 ollos altivos, lingua mentireira, mans que esparexen sangue inocente,

18 mente que cisma en planos perversos, pernas que corren cara á maldade,

19 quen levanta falso testemuño e quen sementa preitos entre irmáns.


Fuxe da adúltera

20 Garda, meu fillo, o mandato de teu pai e non refugues o ensino de túa nai;

21 lévaos decote atados á túa conciencia, pendúraos do teu pescozo.

22 Estando de viaxe guiarante; deitado, vixiarante; ergueito, falarán contigo.

23 Pois o mandato é unha candea; o ensino, unha luz, e a instrución correctiva é camiño da vida,

24 para te gardares da muller maligna, da suave lingua da estranxeira.

25 Non areles con paixón a súa beleza, que non te escravice coas súas pálpebras,

26 porque o prezo da rameira é un anaco de pan mais a casada vai á caza dunha vida preciosa.

27 Pode alguén levar lume no peto sen que lle ardan os vestidos?

28 Poderá camiñar sobre ascuas sen que se lle queimen os pés?

29 Pois tal acontece co que se achega á muller do veciño; quen a toque non quedará indemne.

30 Non se aldraxa a un ladrón cando rouba para encher o seu estómago famento,

31 pero se o atrapan terá que restituír o séptuplo, ha de deixar canto teña de valer na casa.

32 Quen comete adulterio cunha muller non ten siso; o que a viola, destrúese a si mesmo;

33 Atopará violencia e infamia, non borrará a súa vergonza,

34 porque os celos inflaman ó marido e non terá piedade cando se vingue,

35 non considerará compensación ningunha, nin aceptará agasallos por moitos que lle mandes.

Lean sinn:



Sanasan