Proverbios 5 - Biblia SEPTDúas castes de muller 1 Meu fillo, atende á miña Sabedoría dá oído ó meu discernimento; 2 dese xeito poderás gardar confidencias e os teus labios conservarán saber. 3 Os labios de muller allea pingan mel e o seu padal esvara máis có aceite; 4 pero ó remate amarga máis có áloe, é máis tallante ca unha espada de dous fíos; 5 os seus pés van descendendo para a morte, as súas pegadas van dar no Xeol; 6 non ten ela en conta o camiño da vida, os seus vieiros cambian, nunca ten sosego. 7 Polo tanto, filliño, escóitame, non te afastes das miñas razóns; 8 Arreda dela o teu camiño, non te achegues á porta da súa casa; 9 non sexa que deixes para outros o teu honor e os teus anos a un ser cruel; 10 non sexa que aproveiten os alleos o teu vigor e as túas fatigas na casa da estranxeira, 11 que entón te laiarías ó virche enriba a fin, ó se che consumiren o corpo e mais as carnes; 12 dirías daquela: "Malia de min, que aborrecín a instrución e o meu corazón desprezou a corrección! 13 Non quixen escoitar a voz dos meus mestres e non prestei oído ós meus ensinantes; 14 pouco faltou para me ver totalmente arruinado diante da asemblea e do consello". 15 Bebe a auga da túa cisterna, e as burbulladas do teu pozo. 16 Ias derramar pola rúa os teus regatos polas prazas as túas canles? 17 Que sexan para ti só non para as compartires cos estraños! 18 Que sexa bendita a túa fonte e goces coa compañeira da túa mocidade, 19 cerva amada, gacela xeitosa! Que os seus peitos te teñan sempre bébedo e decote te envolva o seu amor! 20 Por que, meu fillo, irte axuntar coa allea? Por que abrazar o seo dunha estranxeira? 21 Que Deus ten diante dos ollos o proceder dos homes, enxerga todos os seus vieiros; 22 As propias culpas cazan ó malvado, enrédase nas cordas do seu pecado 23 e morre pola súa indisciplina; será amortallado na súa necidade. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)