Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Proverbios 4 - Biblia SEPT


A Sabedoría desposada

1 Escoitade, fillos, a instrución dun pai, dade atención para aprender intelixencia;

2 É unha boa tradición o que vos dou, non esquezades o meu ensino,

3 pois tamén eu fun fillo de meu pai fillo único e querido de miña nai.

4 Cando el me ensinaba, dicía: —"Que o teu ánimo recolla as miñas palabras, garda os meus mandatos e medrarás!

5 Adquire Sabedoría, adquire intelixencia, non as esquezas nin te afastes dos meus ditos.

6 Non a repudies; ela hate gardar; quérea ben e hate protexer.

7 Esencia de Sabedoría é: Adquire Sabedoría! e mesmo por canto teñas, procura a intelixencia.

8 Faille agarimos, e enxalzarate; dálle unha aperta, e encherate de honor;

9 porá na túa cabeza unha diadema xeitosa, darache en agasallo unha coroa espléndida".


Aparta do mal camiño

10 Filliño, escoita e acolle as miñas razóns para que se che multipliquen os anos de vida.

11 Eu diríxote polo camiño da Sabedoría guíote por un vieiro recto;

12 O camiñares non serán impedidos os teus pasos; se botas a correr non tropezarás.

13 Aférrate á instrución, non a deixes da man; gárdaa, pois nela vaiche a vida.

14 Non collas para o vieiro dos malvados nin te encamiñes pola xeira dos perversos:

15 tíraa da cabeza, non atraveses por ela, dá un rodeo e sigue adiante;

16 pois os tales non dan durmido se non fixeron algunha, non lles vén o sono se non afundiron a alguén;

17 xantan do pan do crime, beben do viño da violencia.

18 Nembargantes o vieiro dos xustos é coma a luz do abrente e vai medrando ata o pleno día;

19 en troques o camiño dos malvados é coma a tebra, non saben contra onde van bater.


O control da conciencia

20 Meu fillo, está atento ás miñas palabras, tende a orella ó que che vou dicir,

21 non as perdas de vista, gárdaas ben no sentido;

22 son vida para quen dá con elas, e un tónico total para o seu corpo.

23 Por riba de todo garda o corazón pois del burbullan os mananciais da vida;

24 Afasta de ti a fala perversa alonga de ti os labios falsos;

25 que os teus ollos miren dereito e as túas olladas vaian de fronte;

26 ten coidado onde pos as túas pegadas, e sexan firmes todas as túas vías;

27 non vires nin para a dereita nin para a esquerda, arreda os teus pés do mal.

Lean sinn:



Sanasan