Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Proverbios 31 - Biblia SEPT


PALABRAS DE LEMUEL

1 Verbas de Lemuel, rei de Masá, coas que o instruíu súa nai:

2 Non, meu fillo! Non, filliño das miñas entrañas! Non, fillo das miñas promesas!

3 Non cedas o teu vigor ás mulleres nin a túa potencia ás que perden ós reis.

4 Non di ben cos reis, Lemuel, non di ben cos reis o beber viño, nin convén a gobernantes o licor,

5 non sexa que, bébedos, esquezan as leis e trastornen o dereito dos miserentos.

6 Dá o licor ó afundido; e viño, ós de espírito magoado,

7 para que beban e esquezan a miseria e non se lembren máis da súa coita.

8 Pronúnciate a favor do mudo e a prol da causa dos abandonados.

9 Abre a boca e pronuncia sentencia xusta, e defende o dereito do coitado e do pobre.


A muller de valer

10 Unha muller xeitosa quen a atopará?: o seu valer supera o das perlas.

11 O seu marido pon nela a confianza e non lle han faltar ganancias;

12 procúralle felicidade, e non desgraza, todos os días da súa vida.

13 Consegue lá e liño, e traballa gustosa coas súas mans;

14 é coma os barcos mercantes, traendo de lonxe a súa mantenza.

15 Érguese cando aínda é noite, dando ordes ós da casa e distribuíndo os mandatos entre as criadas.

16 Mira unha leira e mércaa, e co que producen as súas mans planta unha viña.

17 Cingue de fortaleza os seus cadrís e reafirma os seus brazos;

18 decátase de que a súa tarefa prospera e a súa candea non esmorece na noite.

19 Bota as mans á roca e os seus dedos manexan o fuso.

20 Tende a palma ó indixente e achega as súas mans ó mendigo.

21 Non teme polos da casa cando neva, pois todos eles levan roupas dobradas.

22 Fíxose ela mesma os cobertores, e o seu vestido é de liño escolleito e púrpura.

23 O seu marido é estimado no tribunal, cando asenta cos anciáns da bisbarra.

24 Confecciona tea e véndea, e fornece de faixas ós viaxantes.

25 Forza e elegancia son o seu vestido, e ri cara ó día de mañá.

26 Cando abre a boca é con sabedoría, e na súa lingua hai unha instrución piadosa.

27 Está pendente do ir e vir dos da casa, e non xanta un pan ocioso.

28 Érguense os seus fillos e bendícena, e o marido fai a súa loanza:

29 —"Hai moitas mozas de valer, mais ti véncelas a todas".

30 A graza engana e a fermosura esvaece: só a muller que teme ó Señor merece ser loada.

31 Que falen por ela as obras das súas mans, e os seus feitos lle dean honra na praza!

Lean sinn:



Sanasan