Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Proverbios 30 - Biblia SEPT


PALABRAS DE AGUR

1 Palabras de Agur, fillo de Iaqueh, o de Masá. Sentencia deste home: —"Non hai Deus, non hai Deus, e estou canso,

2 pois eu son máis unha besta ca un home e non teño discernimento humano;

3 non aprendín Sabedoría nin acadei coñecemento do Santo".

4 Quen ascendeu ó ceo e de alí baixou? Quen recolleu o vento nos seus puños? Quen envolveu as augas no seu manto? Quen afincou os lindeiros da terra? Cal é o seu nome e cal o de seu fillo, acaso o sabes?

5 Toda palabra de Deus está acrisolada, El é un escudo para os que nel se refuxian.

6 Non acrecentes ren ás súas palabras, non sexa que te reprenda e sexas convencido de mentira.

7 Dúas cousas che pido, non mas negues antes de que eu morra:

8 Afasta de min a falsidade e a mentira, non me deas nin pobreza nin riqueza, déixame comer a miña ración de pan,

9 non sexa que, farto, renegue dicindo: —"Quen é ese, o Señor?"; ou que, empobrecido, roube, aldraxando o nome de Deus.

10 Non critiques o criado diante do amo, para que non te maldiga e a teñas que pagar.


PROVERBIOS NUMÉRICOS

11 Hai xente que maldí ó propio pai, e non bendí á súa nai.

12 Hai xente que se ten por limpa, e non se lava da súa cotra.

13 Hai xente que se xulga a si mesma moi importante, que leva a altiveza na ollada.

14 Hai xente con espadas por dentes e coitelos por queixadas, para engulipar os pobres do país e os miserentos, arrincándoos da terra.

15 A samesuga ten dúas fillas: —"Dáme" e "Dáme"! Velaquí tres cousas que non se dan fartas, e unha cuarta que non di: —"abonda!":

16 O Xeol, o seo estéril, terra non farta de auga, lume que xamais non di: — "abonda".

17 Ollos de quen se burla do pai e aldraxa á nai anciá, que lles arrinquen os ollos os corvos e sexan comestos das aguias!

18 Tres cousas hai que me deixan abraiado, e unha cuarta que non entendo:

19 O camiño da aguia polo ceo, o camiño da cobra pola rocha, o camiño da barca pola alta mar e o camiño do varón pola doncela.

20 Tal é o xeito da adúltera: come, limpa a boca e di: —"Non fixen mal ningún".

21 Por tres cousas estremécese a terra, e aínda catro non pode aturar:

22 que un escravo chegue a gobernar, que o insensato se farte de pan,

23 que case a muller odiosa e que a criada leve a herdanza da ama.

24 Catro cousas pequechas hai na terra, e, con todo, máis sabias cós mesmos sabios:

25 As formigas, pobo feble que polo verán asegura a súa mantenza;

26 os teixugos, pobo sen poderío que no entanto furan o seu tobo nas rochas;

27 As lagostas, que non teñen rei e marchan todas ordenadas;

28 A lagarta, que a podes coller coas mans e cóase no pazo real.

29 Tres cousas hai de paso egrexio, e aínda catro de fermoso camiñar:

30 O león, o heroe de entre as feras, que diante de ninguén recúa;

31 o galo, que camiña fachendoso; tamén o arroallo; e un rei diante do seu pobo.

32 Se te ensoberbeciches por lixeireza ou adrede, man á boca!

33 pois, premes o leite e sae manteiga; premes o nariz e sae o sangue; premes a ira e sae a liorta.

Lean sinn:



Sanasan