Proverbios 3 - Biblia SEPTA práctica relixiosa 1 Filliño, non esquezas o meu ensino e garda no ánimo os meus mandatos 2 pois hante acrecentar longura de días, anos de vida e prosperidade; 3 que non te abandone a lealdade constante, cínguea arredor de túa gorxa, escríbea na táboa do teu corazón. 4 Acadarás aceptación e boa sona á vista de Deus e mais dos homes. 5 Confía no Señor con todo o teu ser e non te apoies na propia intuición; 6 teno en conta en todos os teus camiños e El achanzará os teus vieiros. 7 Non te teñas por sabio, teme ó Señor e arreda do mal; 8 Ese será un tónico para a túa saúde e un remedio para os teus ósos. 9 Honra ó Señor cos teus bens, coa primicia de todo canto gañes; 10 encheranse os teus cabazos de gran e as túas pipas estouparán de mosto. 11 Filliño, non rexeites a instrución do Señor, non leves a mal a súa corrección, 12 pois o Señor reprende a quen ama e aflixe ó fillo benquerido. Loanza da Sabedoría 13 Ditoso o home que dá coa Sabedoría e o que vén dotado de discernimento, 14 pois adquirila é de máis proveito cá prata e de máis ganancia có ouro; 15 é de máis prezo có coral, non se lle compara canto poidas desexar. 16 Na súa dereita leva unha vida longa, na esquerda, a riqueza e a honra. 17 Os seus camiños son deliciosos, os seus vieiros, cheos de paz; 18 é a árbore da vida para os que a aferran, os que a reteñen son felices. 19 O Señor fundou a terra por medio da Sabedoría, afirmou o ceo co discernimento; 20 polo seu saber burbullan as fontes abismais e as nubes destilan o orballo. Deberes da convivencia humana 21 Meu fillo, non as perdas de vista: pon garda á competencia e á habilidade. 22 Serán vida para a túa gorxa, beleza no teu pescozo. 23 Irás entón seguro no teu camiño sen tropezar co pé. 24 O te ires deitar, non pasarás medo; unha vez deitado, será doce o teu sono. 25 Non che fará tremer un espanto súbito nin a destrución que cae sobre os malvados, 26 pois o Señor estará ó teu carón e gardará da trampa o teu pé. 27 Non lle negues un favor a quen ten dereito a el, cando está no teu poder o concedelo. 28 Non lle digas ó teu veciño: —"Vai e volta outra vez, mañá eu che darei", se tes con que. 29 Non amañes un mal contra o teu próximo cando el vive confiado á túa beira. 30 Non lle poñas preito a ninguén sen motivo, cando non che fixo prexuízo ningún. 31 Non envexes o violento nin adoptes os seus procedementos, 32 pois o Señor aborrece ó perverso, e reserva a súa intimidade para os honrados. 33 A maldición do Señor cae sobre o casal do impío, pero bendí a morada dos xustos. 34 Cos burlóns, búrlase deles, mais demostra o seu favor ós humildes; 35 Os sabios herdan a honra, os parvos gañan a vergonza. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)