Proverbios 29 - Biblia SEPT1 Quen endurece despois da reprensión, vai á ruína nun momento, sen remedio. 2 Cando mandan os xustos, o pobo alégrase; mais se un impío goberna, o pobo xeme. 3 Quen ama a Sabedoría alegra a seu pai, quen frecuenta prostitutas malgasta a facenda. 4 Un rei fai próspero o país coa xustiza, mais quen aumenta os impostos arruínao. 5 O que lle di verbas suaves ó veciño, téndelle unha rede diante dos pés. 6 Na maldade do impío escóndese un lazo, namentres que o xusto reloucará ledo. 7 Recoñece o xusto o dereito dos pobres, mais o malvado non ten comprensión. 8 Homes arrogantes turban unha cidade, mais os sabios aquedan a ira. 9 Cando un sabio ten preito cun necio, enfádase ou ri, pero non ten sosego. 10 Os sanguinarios odian ó íntegro, pero os rectos considéranse del. 11 O parvo déixase levar de calquera impulso, mais o sabio reprímeo e acálmao. 12 Cando un gobernante dá creto a razóns falsas, todos os seus ministros serán malvados. 13 Pobre e explotador teñen algo en común: O Señor deulles ós dous a luz dos ollos. 14 Rei que xulga equitativamente os pobres, o seu trono afíncase para sempre. 15 A vara e a reprensión dan sabedoría, rapaz consentido avergonza a súa nai. 16 Cando mandan malvados acrecéntase o crime, pero os xustos ollarán a súa desfeita. 17 Corrixe ó teu fillo: servirache de acougo e dará satisfaccións ó teu espírito. 18 Onde non hai revelación, o pobo perde o freo; mais benia o que respecta a lei! 19 Só con razóns non se corrixe un criado, pois aínda que comprenda non obedece. 20 Viches un que fala a toda présa? Máis se pode esperar dun tolo que non del. 21 O que consente ó seu criado desde pequeno, ó remate sairalle respondón. 22 Home alporizado alampa liortas, o acalorado multiplica as faltas. 23 O orgullo do home humillarao, quen ten ánimo humilde acadará honra. 24 Quen ten parte co ladrón odia a súa vida, pois escoita a maldición e non denuncia. 25 O respecto humano tende un lazo, mais quen afiúza no Señor ponse a salvo. 26 Moitos procuran o favor do gobernante, mais é do Señor de quen se obtén xustiza. 27 É abominable para os xustos o home inicuo, é aborrecible para o malvado o de conduta recta. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)