Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Proverbios 28 - Biblia SEPT


Antoloxía "B" (28-29)

1 O perverso foxe sen que ninguén o persiga, o xusto vai seguro coma un león.

2 Polos crimes dun país multiplícanse os seus tiranos, mais cun home intelixente e prudente mantense a orde.

3 Quen oprime o pobre e asoballa os mendigos, é chuvia devastadora que non trae trigo.

4 Os que esquecen a lei, gaban ó malvado; os que gardan a lei, alporízanse contra el.

5 Os homes perversos non queren saber de dereito, os que procuran ó Señor comprenden todo.

6 Mellor é un pobre que se comporta honradamente, do que un rico de vías tortas.

7 Un fillo asisado garda a lei, o amigo de esmorgas avergonza a seu pai.

8 Quen amorea facenda por usura e interese, xúntaa para o que se apiada dos pobres.

9 Quen retira o oído para non oír a lei, mesmo a súa pregaria é de aborrecer.

10 Quen extravía ós xustos por mal camiño, caerá na súa propia cova, mais os íntegros herdarán a felicidade.

11 O rico tense por sabio, mais un pobre intelixente cóllelle as voltas.

12 Cando os honrados medran, grande é a festa; cando os perversos soben, a xente agáchase.

13 Quen esconde as súas faltas, non prosperará; quen as confesa e corrixe, encontrará piedade.

14 Benia quen sempre ten temor reverencial, mais quen endurece o corazón caerá no mal.

15 León bruante, oso esfameado é o gobernante malvado que asoballa a un pobo pobre.

16 Xefe sen intelixencia amorea opresións, o que aborrece a rapina vive longos anos.

17 Quen leva ás costas a carga dun delito de sangue ata a tumba que ninguén o deteña!

18 O de conduta irreprochable está a salvo, o de vieiros tortos caerá no foxo.

19 Quen cultiva a súa leira, fartarase de pan; quen anda ós biosbardos, fartarase de pobreza.

20 Home leal vai cheo de bendicións, o que corre a enriquecerse non o fará sen culpa.

21 Privilexiar a alguén non é honrado, mesmo por un anaco de pan hai quen se fai culpable.

22 Home de ollar torcido apúrase a enriquecer, non se decata de que a penuria se lle bota enriba.

23 Quen a outro reprende, ó remate será máis respectado có que fala con verbas solermiñas.

24 Quen lles rouba ó pai e á nai e di: —"Non é pecado", equipárase a un salteador.

25 Home cobizoso alampa liortas, quen ten fe no Señor medrará.

26 Quen confía no seu tino é parvo, o que procede sabiamente sálvase.

27 Quen lle dá ó pobre xamais carecerá, a quen lle pecha os ollos maldicirano abondo.

28 Cando os malvados soben ó poder, a xente agáchase; cando perecen, multiplícanse os honrados.

Lean sinn:



Sanasan