Proverbios 27 - Biblia SEPT1 Non te gabes do mañá, que non sabes que traerá o hoxe. 2 Lóuvete outro, e non a túa boca; un alleo, e non os teus labios. 3 Peso de pedra, carga de area: máis cós dous pesa a carraxe do tolo. 4 Cruel é a ira; e unha enxurrada, o noxo, pero contra os celos quen se pode manter? 5 Mellor é reproche patente cá amizade acubillada. 6 As feridas de amigo son de lei, os bicos do inimigo son finxidos. 7 Andorga farta patea no mel, para a gorxa famenta é doce o amargo. 8 Pardal que revoa lonxe do niño, é quen anda errante lonxe do seu eido. 9 Perfume e incenso alegran o corazón, a dozura da amizade dálle forza ó espírito. 10 Non desbotes ó teu amigo nin ó de teu pai, e non terás que ir á casa de teu irmán no día da desgraza. 11 Meu fillo, faime feliz sendo sabio, e terei resposta que dar a quen me aldraxe. 12 O asisado ve o perigo, e apártase; os docas tiran para diante, e páganas. 13 Queda ti co seu vestido, pois deu prenda por un alleo e puxo fianza por unha estranxeira. 14 Quen xa de mañanciña saúda ó veciño a berros, é coma se o maldicise. 15 Pingar arreo nun día de orballada e muller rifadora son cousas parellas; 16 quen a retén, retén vento, e recolle aceite na man. 17 Co ferro afíase o ferro, e o home a carón do próximo. 18 Quen coida da figueira, xantará do froito; quen garda ó seu amo, será honrado. 19 Coma as augas reflicten o rostro, así a intención reflicte ó home. 20 Xeol e abismo non se dan fartos, tampouco se enchen os ollos do home. 21 O forno proba a prata; o crisol, o ouro; e o home, a opinión de quen o gaba. 22 Aínda que esnaquices o tolo cun mazo nun morteiro mesturado coa area, non lle tirarás fóra a necidade. 23 Repara ben no aspecto da túa grea e ten boa conta dos teus rabaños, 24 pois a facenda non dura sempre nin as riquezas de xeración en xeración; 25 Apañada a herba e despuntado o gromo, recolleita a forraxe das montañas, 26 os años forneceranche vestido e as cabuxas terán o prezo dunha leira, 27 terás leite de cabra abondo para a túa mantenza para a mantenza da túa casa e sustento das túas criadas. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)