Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Proverbios 26 - Biblia SEPT

1 Non vai a neve co verán, nin a chuvia coa seitura, nin di ben o honor co parvo.

2 Coma o pardal a bandada e andoriña a revoar: a maldición inxusta non vai para ningures.

3 A tralla para o cabalo; para o burro, o freo, e o fungueiro para o lombo dos necios.

4 Non respondas ó necio cando fala parvadas, non sexa que te lle asemelles.

5 Respóndelle ó necio cando fala parvadas, non se vaia ter por sabio.

6 Corta as propias pernas e bebe vinagre quen envía recado por medio dun parvo.

7 Abanéanlle as pernas ó tolleito, e o refrán na boca do necio.

8 Coma quen amarra a pedra na fonda, é quen da honra ó necio.

9 Espiñas de toxo na man dun bébedo iso é o proverbio na boca dun parvo.

10 Arqueiro que fere a quenquera que pasa, é quen contrata un parvo ou un bébedo.

11 Coma o can volta ó seu vómito, repite o parvo a súa tolemia.

12 Viches a alguén que se teña por sabio? Aínda hai máis que esperar dun parvo ca del.

13 Di o nugallán: —"Anda un leopardo no camiño; vai un león no medio das rúas".

14 Xira a porta no seu gonzo, e o nugallán no seu leito.

15 O preguiceiro mete a man na cunca, e fáltanlle forzas para tornala á boca.

16 Coida o nugallán que el é máis sabio ca sete dos que responden con siso.

17 Atrapa un can polas orellas quen se enreda nunha disputa allea.

18 Coma tolo que dispara fachicos, frechas e morte,

19 é quen engana a un amigo e despois lle di: —"Estaba a chancear".

20 Por falta de achas, esmorece o lume; ausente o murmurador, apágase a rifa.

21 Coma o fol para as ascuas e a leña para o lume, é o rifador para facer alampar liortas.

22 As verbas do intrigante son coma lambetadas, que penetran ata o máis fondo do ventre.

23 Esmalte que recobre a cunca de arxila son os labios suaves nun corazón perverso.

24 O que odia, coa boca faise pasar por outro, mais no seu interior pon a falsidade;

25 Aínda que suavice a voz, non lle deas creto, pois leva sete perfidias no corazón.

26 Pode encubrirse o odio coa simulación, pero a intención maliciosa descóbrese na asemblea.

27 Quen cava unha cova caerá nela, e a pedra dará enriba de quen a bota a rodar.

28 Lingua falsa amorea vítimas, boca agasalleira leva á ruína.

Lean sinn:



Sanasan