Proverbios 25 - Biblia SEPTTAMÉN ESTES SON PROVERBIOS DE SALOMÓN (25-29) Antoloxía "A" (25-27) 1 Tamén estes son Proverbios de Salomón, transcritos polos homes de Ezequías, rei de Xudá. 2 Gloria de Deus é agachar unha razón, honra dos reis é inquirila. 3 A altura do ceo, o fondo da terra e a mente dos reis non hai quen os abranga. 4 Remove a escoura da prata, e o ourive fará dela unha obra de arte; 5 Aparta ó malvado do servizo do rei, e o seu trono afincará na xustiza. 6 Non te deas aires na presenza do rei nin ocupes os postos dos grandes; 7 mellor é que che digan: —"achégate aquí", que ter que ser deposto diante da nobreza. O que os teus ollos viron 8 non te apures a citalo no proceso, pois que farás ó remate, cando o teu contrincante logre avergonzarte? 9 Arranxa o teu preito co veciño, e non descubras segredos doutro, 10 non sexa que quen te escoite te inxurie e non se poida reparar a túa infamia. 11 Mazás douradas en bandexas de prata son as palabras ditas con xeito. 12 Anel de ouro e alfaia de ouro fino é a reprensión dun sabio para o oído atento. 13 Frescor de neve nun día de seitura é o mensaxeiro fiel para quen o envía: reconforta o ánimo do seu amo. 14 Nubes e vento sen chuvia é quen se gaba de regalar quincalla. 15 Tendo paciencia persuádese a un príncipe, pois unha lingua suave quebra ósos. 16 Se atopas mel, come só o que cómpre, non sexa que te fartes e o vomites; 17 pon o pé de raro en raro na casa do veciño, non sexa que se farte de ti e te aborreza. 18 Maza, espada e frecha afiada é quen testemuña en falso contra o amigo. 19 Moa picada e pé tolleito é afiuzar no traidor o día da angustia. 20 Andar espido nun día de xeada, botar vinagre nunha ferida, iso é o cantar cántigas co corazón magoado. 21 Se o teu inimigo ten fame, dálle pan a comer; e se ten sede, dálle auga a beber; 22 poraslle carbóns ardentes na cabeza e o Señor hache recompensar. 23 O vento nordés pare chuvias; a lingua murmuradora, facianas irritadas. 24 Mellor é habitar nun recuncho do faiado, ca con muller enredante en casa grande. 25 Auga fresca para boca sedenta é unha boa noticia de país remoto. 26 Manancial túrbido e fonte emporcada é o xusto que abranda ante o impío. 27 Non é san darse unha enchente de mel, nin procurar honores tras honores. 28 Cidadela desmantelada e sen muro: o home que non se sabe conter. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)