Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Proverbios 24 - Biblia SEPT

1 Non envexes os malvados nin areles xuntarte con eles,

2 pois as súas mentes matinan destrución e os seus labios traman a desgraza.

3 Un casal constrúese coa Sabedoría e afíncase co discernimento,

4 As súas pezas énchense co saber dos bens máis prezados e elegantes.

5 Máis baril é o sabio có forzudo, e persoa de saber afianza o poderío,

6 pois coa estratexia gañarás a guerra e o triunfo está nos moitos conselleiros.

7 A Sabedoría queda lonxe do parvo: o tal non abrirá a boca na asemblea da porta.

8 O que matina para mal, levará alcume de intrigante;

9 pecado é a intriga do necio e a xente refuga ó cínico.

10 Se te mostras feble no tempo da proba, feble era a túa forza.

11 Libera ós condenados á morte, non negues axuda ós que van ser executados,

12 xa que se despois dis: —"Nós non sabiamos tal", pensas que o que sopesa as intencións non se decata? O que vixía a túa vida ben que o sabe, el retribuirá a cadaquén conforme ós feitos.

13 Filliño, toma mel, que che é bo, o panal é doce ó padal;

14 tales son o coñecer a Sabedoría para a túa vida: se a acadas, terás futuro, e non será frustrada a túa esperanza.

15 Non axexes o casal do home xusto nin destrúas o seu acougo,

16 pois se sete veces cae o home honrado, outras tantas se ergue, mais os perversos tropezan e non se levantan.

17 Non te alegres cando caia o inimigo nin botes risadas cando tropece,

18 non sexa que, ó velo, desagrades ó Señor, e retire del a súa xenreira.

19 Non te alporices contra os malvados nin envexes os perversos,

20 pois o impío non ten futuro e a candea dos perversos esmorece.

21 Meu fillo, teme ó Señor e ó rei, non te comprometas cos que conspiran,

22 pois a súa desfeita sobrevén de súpeto, e quen sabe cando chegará a ruína das súas vidas.


OUTROS DITOS DE SABIOS (24, 23-24)

23 Tamén estas máximas se atribúen ós Sabios: Dar un xuízo parcial non está ben.

24 A quen lle di ó culpable: —"tes a razón" maldino os pobos, detéstano as nacións,

25 mais os que os reprenden quedarán contentos, e virá sobre eles a bendición cumprida.

26 Bica nos labios quen responde francamente.

27 Pon orde no teu traballo exterior, arránxate na túa leira; despois poderás construír a casa.

28 Non fagas sen máis de testemuña contra o teu veciño, gústache enganar coa boca?

29 Non digas: —"Farei con el o que el fixo comigo; vaimas pagar conforme ó seu feito".

30 Pasei pola leira do preguiceiro, preto da viña do insensato,

31 e estaba toda inzada de silveiras, toda cuberta de estripos e o valado de pedra derrubado.

32 O velo reflexionei, ollalo foi aprender unha lección:

33 dormes un pouco, moqueas outro pouco, cruzas os brazos un intre para repousar,

34 e achégaseche a pobreza coma un moinante e a necesidade coma un mendigo.

Lean sinn:



Sanasan