Biblia Todo Logo
Bìoball air-loidhne

- Sanasan -

Proverbios 23 - Biblia SEPT

1 Cando sentes a xantar co xefe, considérate ben de quen tes diante;

2 ponte ti mesmo unha navalla na gorxa se es bo comellón;

3 que non te tenten as súas lambetadas, pois son xantar que engana.

4 Non te esgotes en facer fortuna, deixa de darlle voltas ó maxín;

5 Apartas dela os ollos, e esmorece. pois pode botar ás e coma a aguia fuxir voando cara ó ceo.

6 Non vaias ó banquete do avarento nin areles as súas peperetadas;

7 é coma un pelo de través na gorxa; dirache: —"come e bebe!" mais non lle interesas ren.

8 Vomitarás o que comiches malgastando as túas amables razóns.

9 A oídos parvos non fales, desprezarán o bo senso das túas palabras.

10 Non removas os lindeiros de sempre nin te metas nas leiras dos orfos,

11 pois o seu vingador é poderoso, e defenderaos no preito contra ti.

12 Pon mentes na corrección, e ten oído para as palabras instrutivas.

13 Non lle aforres o reproche ó mozo: porque lle deas coa vara non vai morrer;

14 en troques, se o bates coa vara, acaso o salves do Xeol.

15 Meu fillo, se o teu corazón é sabio, hase alegrar tamén o meu corazón,

16 e reloucarán as miñas entrañas, se os teus labios falan axeitadamente.

17 Non sinta envexa a túa mente dos pecadores, matine máis ben todos os días no temor do Señor,

18 dese xeito agardarache un bo porvir e a túa esperanza non será frustrada.

19 Escoita, filliño, e faraste sabio, endereita a túa mente pola vía xusta.

20 Non te xuntes cos bébedos nin cos engulidores de carne,

21 pois o bébedo e o larpeiro empobrecen e darse á nugalla leva a vestir de farrapos.

22 Escoita a teu pai, que te xerou; e non desbotes a túa nai, se vai vella.

23 Merca a verdade e non a vendas, a Sabedoría, a Instrución e a Intelixencia.

24 Reloucará gozoso o pai do xusto; quen xerou a un sabio, aledarase con el,

25 teu pai e túa nai encheranse de alegría e exultará a que te deu.

26 Meu fillo, préstame atención, que os teus ollos aproben os meus camiños,

27 pois cova profunda é a prostituta, pozo estreito a estranxeira,

28 tamén axexa ela coma o atracador e multiplica os traidores entre os homes.

29 Quen di: —"Ai!"? Quen grita: —"Mamá!"? De quen son os preitos e para quen os laios? Quen leva sen motivo as zorregadas? De quen son os ollos chispos?

30 —"Dos que se demoran no viño e van catar os viños mesturados".

31 Non olles para o viño cando pinta de vermello e reloce na cunca: esvara lixeiriño,

32 mais ó remate morde coma cobra e pica coma víbora.

33 Os teus ollos verán cousas estrañas, a mente farate falar trabucado;

34 estarás coma quen se deita na mareira ou asenta no picouto do mastro.

35 —"Bateron en min e non me doeu, calcáronme coma uva e non me decatei. Cando volverei a estar sobrio? Aínda pediría outra rolda".

Lean sinn:



Sanasan