Proverbios 22 - Biblia SEPT1 Máis vale a boa sona cá moita facenda; e o ser apreciado, cá prata e o ouro. 2 Rico e pobre véñense encontrar: a ámbolos dous fíxoos o Señor. 3 O asisado ve o perigo e apártase; os docas tiran para diante, e páganas. 4 Tralas pegadas da humildade e do temor do Señor. veñen a facenda, a honra e a vida. 5 Silvas e trapelas inzan o camiño do perverso, quen mira pola súa vida apártase delas. 6 Afai ó mozo ó seu vieiro: aínda de vello non se apartará del. 7 O rico goberna nos pobres, e quen debe é escravo do que lle emprestou. 8 Quen sementa maldade recolle aflición, e vai dar nel mesmo a vara do seu exceso. 9 Os bos e xenerosos serán benditos, xa que lles deron o seu pan ós pobres. 10 Bota fóra ó cínico; rematará a liorta e cesarán a rifa e mais a aldraxe. 11 O Señor ama a quen ten a mente limpa, e o de falar xeitoso ten por amigo ó rei. 12 Os ollos do Señor protexen o saber, mais confunden as verbas dos traidores. 13 Pretexta o preguiceiro: —"Vai un león na rúa, e pódeme matar na encrucillada". 14 As verbas das estranxeiras son cova profunda, o que o Señor refuga vai caer nela. 15 Apégase a tolemia ó corazón do mozo, mais a vara da corrección é tal de a despegar. 16 Quen asoballa ó pobre, estao engrandecendo; quen fai regalo ó rico, estase a empobrecer. DITOS DE SABIOS (22, 17-24, 22) 17 Inclina o oído e escoita as miñas palabras, aplica a túa mente ó meu saber, 18 pois é axeitado que as gardes no teu seo, e que as teñas prontas nos teus labios. 19 Para que poñas a túa confianza no Señor, tamén a ti vou eu instruír hoxe. 20 Abofé téñoche escritos trinta ditos, consellos e ciencia por xunto, 21 para te informar da verdade das palabras axustadas, e poidas así traer razóns exactas a quen te envíe. 22 Non despoxes ó mendigo por ser tal nin asoballes ó pobre das portas, 23 pois o Señor defende a súa causa e tiraralle a vida a quen malle neles. 24 Non te xuntes con home enredante nin camiñes co que se alporiza, 25 non sexa que te afagas ás súas mañas e vaias dar nunha trampa mortal. 26 Non andes dando apertas de man nin saíndo garante de débedas; 27 se non tes recursos para as saldares: por que expoñerte a que che incauten mesmo o leito? 28 Non removas os lindeiros de sempre, que puxeron os teus devanceiros. 29 Viches a alguén mañoso no seu oficio? —Poderá presentarse diante de reis, non servirá a xentes ignoradas. |
Dereitos reservados: SEPT
SOCIEDADE DE ESTUDOS, PUBLICACIÓNS E TRABALLOS (SEPT)